XUNTA DE GALICIA CONVOCA AS AXUDA DO EMEGA AO EMPRENDEMENTO FEMININO

25. 07. 14

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE

ORDE do 9 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI429A).

AXUDA MÍNIMA: 10.000 EUROS

O programa Emega comprende as seguintes modalidades de axuda:

a) Emega Emerxe: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Emega Impulsa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia, consolidación e mellora. En ningún caso as ditas medidas poderán consistir na destrución do emprego existente por conta propia e allea.

c) Emega Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

d) Emega Concilia: axuda complementaria das modalidades Emerxe, Impulsa e Innova para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan de reactivación e/ou mellora no período comprendido entre o 30 de setembro de 2024 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente modalidade ou tipo de axuda previstos nesta orde, así como na normativa xeral de subvencións, en particular, as exixencias establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento.

Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma.

Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, entidade sen personalidade xurídica, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, e non serán válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250714/AnuncioG0762-100725-0001_gl.pdf