CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN
ORDE do 28 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2025 (código de procedemento TR880A)
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións de apoio ao emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que se atopen de alta e iniciaran a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2023 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2025 (código de procedemento TR880A).
Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que teña iniciado a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2023.
En concreto:
1º. Equipamento informático.
2º. Activos intanxibles: activos que non teñen unha materialización física ou financeira.
3º. Investimentos en eficiencia enerxética.
4º. Adquisición de bens de equipamento e mobiliario
5º. Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio.
6º. Gastos notariais e/ou rexistrais (gasto corrente).
7º. Gastos de alugamento de inmobles para a realización da actividade para a que se solicita a subvención (gasto corrente).
8º. A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os requisitos establecidos nas bases.
Os investimentos terán que estar realizados e pagados dentro do prazo de execución, que abrangue desde o 1 de xullo de 2024 ata a data da presentación da solicitude.
A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado:
a) Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 20.000 €, a contía da axuda será do 55 % do investimento.
b) Con investimentos de 20.001 € ou máis ata un límite de 30.000 €, a contía da axuda será do 50 % do investimento.
c) Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 60.000 €, a contía da axuda será do 45 % do investimento.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
O prazo de presentación de solicitudes comezará o oitavo día natural seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de xuño de 2025, agás no caso de que se produza o esgotamento do crédito.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250513/AnuncioG0767-290425-0001_gl.pdf