AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA
RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU985G).
Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e as grandes empresas que proxecten levar a cabo un investimento para a posta en marcha dun novo establecemento turístico localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento de presentar a solicitude da axuda.
Será requisito da actuación subvencionable que o proxecto achegado teña como finalidade a creación dun novo establecemento de aloxamento turístico con servizo de balneario ou talaso, segundo os artigos 55, 60 e 61 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, de acordo con algunha das seguintes tipoloxías:
– Hoteis balneario.
– Hoteis talaso.
Pódense diferenciar como gasto subvencionable:
a) Liña 1: construción, reforma ou rehabilitación sustentable de edificios e adaptación de infraestruturas ou instalacións para a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento vinculado a un balneario ou talaso. Trátase de proxectos de construción, reforma ou rehabilitación sustentable de edificacións para a posta en marcha de novos establecementos turísticos de aloxamento na categoría de hoteis balneario e hoteis talaso.
b) Liña 2: sistemas de enerxías renovables e economía circular no novo establecemento turístico vinculado a un balneario ou talaso. Trátase de medidas que contribúan á mitigación do cambio climático: mellora da eficiencia enerxética nas instalacións termais.
A contía da axuda, no caso de actuacións da liña 1, será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable polas seguintes intensidades de axuda, segundo a categoría de empresa:
– 35 %, no caso das pequenas empresas.
– 25 %, no caso das medianas empresas.
– 15 %, no caso de grandes empresas.
A contía da axuda, no caso de actuacións da liña 2, será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable polas seguintes intensidades de axuda, segundo a categoría de empresa:
– 55 %, no caso das pequenas empresas.
– 45 %, no caso das medianas empresas.
– 35 %, no caso de grandes empresas.
O límite máximo de axuda pública será de 1.000.000,00 euros por proxecto.
Para estes efectos, enténdese por proxecto a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento.
O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses. O dito prazo comezará a contar unha vez que transcorran oito días naturais desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250509/AnuncioG0256-290425-0003_gl.pdf