XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE BICICLETAS CON PEDALO ASISTIDO E BICICLETAS DE MAN HÍBRIDA OU ELÉCTRICAS PARA CADEIRAS DE RODAS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

ORDE do 21 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades de 2025 e 2026 (códigos de procedemento IF319A e IF319B).

Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas maiores de idade que realicen a actuación subvencionable establecida no artigo 3 desta orde e estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, e que non obtivesen axuda para a mesma clase de obxecto subvencionado con cargo á Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 12 de xullo de 2022 nin do 27 de abril de 2023. Adicionalmente, no caso de axudas para a adquisición de bicicletas de man, a persoa solicitante deberá xustificar un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

O importe máximo da axuda por bicicleta de pedais nova con pedaleo asistido, que cumpra os requisitos técnicos e de equipamento establecidos no artigo 3 desta orde, será de 500 euros por bicicleta e persoa beneficiaria; non obstante, no caso de persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa, o dito importe será de 600 euros, e de 700 euros no caso de que a familia numerosa sexa de categoría especial; no caso das bicicletas de man híbridas ou eléctricas, o importe máximo da axuda será, en todo caso, de 700 euros.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 16 de maio de 2025, ás 10.00 horas, e finalizará o 13 de novembro de 2026 ou cando se esgoten os fondos.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250430/AnuncioG0759-160425-0001_gl.pdf