XUNTA DE GALICIA CONVOCA AS AXUDAS REGA

CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE

Orde do 2 de abril de 2025 pola que se autoriza a Fundación Cidade da Cultura de Galicia para outorgar subvencións, se aproban as bases reguladoras relativas ás axudas Rega e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT898A).

Obxecto

Ofrecer seis axudas para o desenvolvemento de proxectos artísticos con acompañamento de mentor a través de residencias. Para iso realizarase unha selección dun máximo de seis proxectos vinculados ás artes visuais, escénicas, musicais, deseño e artes dixitais valorando positivamente o enlace con outras disciplinas non recollidas nestas bases e tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual. No caso das artes escénicas, concederanse un máximo de dúas axudas. A escolma será realizada en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais, dixitais ou de deseño.

Estas persoas deberán desenvolver as residencias de traballo nos espazos dispoñibles para este cometido na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, sempre que cumpran cos seguintes requisitos:

1. Cada proxecto pode ser presentado por unha persoa física individual, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas. Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha axuda por solicitude. Os proxectos serán de creación específica, orixinais e inéditos.

2. De non cumprir con algún dos requisitos ou non poder executarse dentro do prazo determinado pola convocatoria, o proxecto quedará automaticamente excluído, e procederá a devolución das cantidades xa desembolsadas da axuda.

Cada proxecto seleccionado recibirá unha axuda de oito mil euros (8.000 €). Nesta cantidade inclúense o seu desenvolvemento, os gastos de transporte, estancia, manutención e posibles gastos de presentación pública do proxecto.

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250423/AnuncioG0766-040425-0001_gl.pdf