XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS BONO TALENTO, PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS FORMATIVOS DE CURTA DURACIÓN

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN 

Orde do 8 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021- 2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026-2027 (código de procedemento TR302D).

Entidades beneficiarias

1. Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas, segundo as definicións do artigo 3 desta orde, validamente constituídas e con actividade ininterrrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación desta convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a cal solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As entidades solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento de presentación da solicitude de axuda. Non poderán ser beneficiarias dos Bonos Talento empresa as empresas en crise segundo as definicións do artigo 3 desta orde, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria. Non poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas en situación de autoemprego societarias, en calquera das súas formas. Así mesmo, quedan excluídas desta orde as persoas traballadoras autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

Actuacións subvencionables

1. As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.

2. As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais, realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego.

O prazo de presentación das solicitudes será de dous (2) meses, que comezará ás 9.00 horas do sétimo día hábil posterior o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e rematará ás 20.00 horas do último día.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260522/AnuncioG0767-080526-0003_gl.pdf