CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Orde do 11 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a investimentos en máquinas de baixo consumo con tecnoloxía 4.0 para agricultura de precisión e cunha menor emisión de gases de efecto invernadoiro para paliar os efectos da crise enerxética derivada do conflito en Oriente Medio, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR405D).
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas titulares de explotacións agrarias.
Serán investimentos elixibles os relacionados a continuación, con carácter limitativo:
a) Máquinas relacionadas coa xestión eficiente de estercos e xurros. A maquinaria de aplicación de xurro mediante sistemas de prato, abano ou canóns non se considera elixible.
b) Máquinas que melloren a aplicación eficiente de fertilizantes.
c) Máquinas que melloren a aplicación eficiente de produtos fitosanitarios.
d) Maquinaria agrícola que optimice a xestión de recursos: a. Carro mesturador con análise NIR da ración. b. Tractor con clasificación enerxética A. c. Robot.
e) Compoñente de agricultura de precisión para a adaptación de equipos na explotación: a. Kit de adaptación ISOBUS. b. Sensor NIR. c. Sistema de adaptación de máquinas para traballo variable. d. Sistema de autoguiado.
f) Estudos técnico-económicos de viabilidade.
Porcentaxe e contía máxima da axuda
O importe da axuda será do 40 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 75 % en función da aplicación dos seguintes criterios:
a) 10 % cando os investimentos sexan realizados por unha persoa que cumpra as condicións de persoa agricultora moza.
b) 10 % no caso de investimentos en zonas con limitacións naturais de montaña ou en Rede Natura 2000.
c) 10 % no caso de investimentos en explotación de agricultura ecolóxica.
d) 5 % no caso de que a persoa titular da explotación sexa muller.
Para que unha persoa xurídica poida ter esta bonificación, máis do 50 % das persoas socias deberán ser mulleres ou que as persoas socias mulleres acrediten máis do 50 % do capital social.
No caso de investimentos en explotación intensiva, a axuda limitarase á porcentaxe de axuda base.
O investimento mínimo elixible establécese en 12.500 euros.
A contía máxima da axuda establécese en 100.000 euros.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260521/AnuncioG0426-120526-0001_gl.pdf

