INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO CONVOCA O PROGRAMA DE AVAIS PARA ADQUISICIÓN DE VIVENDA

26. 03. 09

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2026 pola que se convoca o Programa de avais para a adquisición de vivenda, e se dá publicidade ao convenio que se asinará entre este instituto e as entidades financeiras para a súa concesión para a anualidade 2026 (código de procedemento VI402B).

O Programa de avais ten por obxecto prestar unha cobertura temporal e financeira, de carácter persoal, para a adquisición da primeira vivenda por aquelas persoas que, na data de presentar a correspondente solicitude, teñan menos de trinta e seis anos. O límite de idade non será de aplicación no caso de tratarse da adquisición dunha vivenda cualificada definitivamente como vivenda de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado.

A garantía prestarase ata un 20 % do prezo de adquisición da vivenda ou, se é o caso, do seu valor de taxación, no suposto de que este sexa menor. En ningún caso se outorgará para garantir importes derivados de conceptos distintos aos indicados.

REQUISITOS:

a) Que a persoa solicitante, que deberá ser quen vaia adquirir a vivenda, posúa a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea. En caso de persoas estranxeiras provenientes de países terceiros, estes deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España. No suposto de que a vivenda a adquira máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.

b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e teña menos de trinta e seis anos no momento da presentación da solicitude. No suposto de que a vivenda a adquira máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito. O límite dos trinta e seis anos non será de aplicación cando se trate da adquisición dunha vivenda protexida.

c) No suposto de que se trate da adquisición dunha vivenda protexida, ser adquirente ou adxudicataria, en primeira ou sucesivas transmisións, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida exixidos pola normativa reguladora destas vivendas.

d) Que a persoa solicitante estea empadroada en Galicia. No suposto de que a vivenda a adquira máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.

e) Que a persoa solicitante dispoña duns ingresos mínimos de 2 veces o IPREM e uns ingresos máximos de 5,5 veces o IPREM. A devandita porcentaxe máxima será do 6,5 veces o IPREM, se a vivenda a adquire máis dunha persoa. Nestes casos, os límites de ingresos mínimos e máximos sinalados aplicaranse tendo en conta a suma dos ingresos de todas as persoas adquirentes da vivenda.

Así mesmo, para a obtención do aval é preciso que concorran os seguintes requisitos:

a) Que a vivenda para que se outorga a garantía estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia e vaia ser destinada a ser a residencia habitual e permanente da/das persoa/s adquirente/s durante, cando menos, todo o período en que estea vixente a garantía. b) No suposto de adquisición dunha vivenda protexida, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado na data de presentación da solicitude.

c) Que o prezo de adquisición da vivenda, sen os gastos e os tributos correspondentes, non supere os prezos indicados a continuación, segundo a zona territorial do concello en que se localice a vivenda, de conformidade co anexo II:

– Concellos correspondentes ao ámbito territorial de prezo máximo superior: 260.000 euros.

– Concellos correspondentes á zona territorial 1: 210.000 euros.

– Concellos correspondentes á zona territorial 2: 180.000 euros.

No suposto de vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado, o prezo máximo será o previsto na cualificación definitiva.

O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles da publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.

O prazo rematará o 30 de outubro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do importe máximo de avais que se concederán no ano 2026, que se fixa en cinco millóns de euros.

O dito esgotamento, en caso de producirse antes do 30 de outubro de 2026, farase público no DOG mediante resolución da persoa titular da dirección xeral do IGVS.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260305/AnuncioC3Q2-250226-0004_gl.pdf