AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA
RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (códigos de procedemento IN421N e IN421O).
O obxecto destas bases é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos para subministración en vivendas ou inmobles de carácter residencial.
A convocatoria inicia a súa vixencia a partir do día seguinte hábil á súa publicación no Diario Oficial de Galicia e finalizará o mércores, 30 de setembro de 2026.
ADHESIÓN DAS ENTIDADES COLABORADORAS:
O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 7 de novembro de 2025 e, para solicitar a súa adhesión, a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).
As solicitudes de adhesión presentaraas a entidade colaboradora interesada segundo o formulario normalizado anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.
As solicitudes de axudas presentaranas as entidades colaboradoras segundo o modelo formulario normalizado anexo IV desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http:// www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 31 de outubro de 2025 ás 9.00 horas (inicio do período subvencionable) e rematará o 1 de decembro de 2025 ás 23.59 horas. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV)
Serán subvencionables:
a) Os paneis solares fotovoltaicos.
b) O acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cables, equipamentos de medidas, etc), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota, etc.) e sistemas de acumulación con baterías de litio.
c) O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.
d) O custo da montaxe e o conexionado e a dirección de obra. e) IVE, cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre IVE. Os proxectos deberán incorporar paneis fotovoltaicos e inversor
A intensidade da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación, tendo en conta o seu orzamento e os custos elixibles recollidos nestas bases reguladoras.
Na procura de instalacións de potencia racional, establécese unha axuda máxima por vivenda de 4.000 euros. No caso de que o proxecto solicitado inclúa baterías de potencia igual ou superior a 4 kWh, incrementarase en 2.000 euros.
A contía máxima por proxecto multivivenda será de 25.000 euros.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251014/AnuncioG0474-300925-0001_gl.pdf