XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS Á CONCILIACIÓN DA VIDA PERSOAL, FAMILIAR E LABORAL POR REDUCIÓN DA XORNADA DE TRABALLO

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE

ORDE do 1 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021- 2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento SI440A).

Poderá ser beneficiaria das axudas previstas nesta convocatoria a persoa proxenitora do/da menor que exerza o dereito á redución de xornada, e segundo as seguintes situacións:

a) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas de distinto sexo, o proxenitor de sexo masculino, tendo en conta que o obxectivo do programa é o cambio de tendencia cara á corresponsabilidade real e que, polo tanto, sexan tamén os homes os que se acollan á redución da xornada.

b) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas do mesmo sexo, calquera das persoas proxenitoras.

c) No caso de unidades familiares monoparentais, a persoa ao cargo da unidade familiar.

A contía das axudas establécese en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, e en atención ao número de fillas e fillos menores de doce (12) anos, nun abano que vai desde 1.700 € ata 3.700 €.

A contía da axuda reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior ao máximo (oito (8) meses) ou cando a xornada se realice a tempo parcial.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250714/AnuncioG0762-020725-0001_gl.pdf