IGAPE APROBA AS BASES REGULADORAS DO MARCO DE APOIO AO ACCESO AO CRÉDITO DAS PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS

21. 06. 29

Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2021 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG535A).

Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.
b) Cumpran os requisitos e as condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento que se detallan no anexo I ás bases reguladoras.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

Deste xeito, as axudas recollidas no anexo I tratan de dar resposta ás necesidades de financiamento detectadas nas pemes galegas e facilitan:
a) Préstamos avalados para o crecemento das pemes, co obxecto de favorecer, mediante reavais, o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou circulante estrutural por parte das pemes galegas.
b) Operacións avaladas para o financiamento de tráfico comercial, co obxecto de favorecer o acceso ao novo financiamento operativo para o tráfico comercial das pemes galegas mediante liñas de crédito específicas para o adianto de efectos comerciais e facturas, pólizas de pagamentos a provedores e pólizas de comercio exterior.
c) Garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos, co obxecto de favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, para garantir o cumprimento de contratos, tráfico comercial ou avais técnicos.
d) Préstamos a longo prazo para financiar necesidades de liquidez, no contexto COVID-19, co obxecto de paliar as dificultades financeiras derivadas da crise sanitaria, nun contexto de lenta recuperación da normalidade nas actividades económicas que afecta de forma máis significativa determinados sectores.

En todas estas modalidades, o apoio do Igape consiste nun reaval de, como máximo, o 25 % do risco asumido polas SGR, que facilite o acceso ao crédito e, en determinados casos, a subsidiación dos gastos financeiros.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210629/AnuncioO92-140621-0002_gl.pdf