XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS CON INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DE PERSOAS MOZAS INSCRITAS EN GARANTIA XUVENIL (FONDOS EUROPEOS)

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 16 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR350C)

Esta convocatoria ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2023 dun programa de incentivos á contratación por conta allea, que realicen as empresas e persoas empregadoras, para a contratación mínima de 9 meses a xornada completa de persoas mozas, incluídas e que consten como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral (código de procedemento TR350C).

Persoas empregadoras e empresas beneficiarias

Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nos artigos 6, 7 e 8 desta orde.

Tamén poden ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.

Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos no momento da selección e da contratación:

a) Que teñan feito os 16 anos e non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

b) Que estean desempregadas, e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego en ocupacións relacionadas coas ofertas de emprego que se presenten ao abeiro desta orde.

c) Que estean inscritas en situación de beneficiarias no ficheiro do SNGX no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 90.1.a) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos indefinidos, contratos de formación en alternancia ou de contratos para a obtención da práctica profesional.

2. Os contratos terán unha duración mínima de 9 meses e deberán ser a xornada completa.

3. Serán subvencionables nas modalidades de indefinido, formación en alternancia ou para a obtención da práctica profesional, tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á notificación da concesión da axuda, e ata os seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación desta orde, sempre que a formalización do contrato se realizase no ano en curso e se cumpran todos requisitos recollidos nesta orde.

4. No caso de novas contratacións, o período para realizar as ditas contratacións será de vinte días hábiles contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, rematará o 30.9.2023

Contía dos incentivos

A axuda consistirá nun incentivo único de 9.000 € por cada persoa moza contratada, ben con carácter indefinido ou ben cunha duración mínima de 9 meses para os casos de contratos de formación en alternancia e para a obtención da práctica profesional, e en todos os casos cunha xornada a tempo completo.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230629/AnuncioG0656-160623-0009_gl.pdf