IPREM: QUE É E COMO AFECTA ÁS PRESTACIÓNS SOCIAIS

24. 04. 10

IPREM: Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples 

Implantause en 2004, e tiña a finalidade de desvincular o salario mínimo (SMI) de determinadas funcións que tiña atribuídas, non estritamente laborais, e que lle impedían unha evolución máis acorde co seu propósito de servir de garantía salarial mínima. Con todo, o Iprem veu crecendo a un ritmo inferior ao SMI, minguando o volume das axudas ás que acceden as economías familiares máis desfavorecidas.

Para que serve o Iprem?

O Iprem é o índice que se ten en conta para o cálculo do nivel de renda que dá acceso a axudas públicas, bolsas, subvencións, vivenda pública protexida tanto en compra como en alugueiro, o bono ao alugueiro novo ou o código de boas prácticas bancarias. Tamén é utilizado para acceder á asistencia xurídica gratuíta, ao bono social eléctrico ou para determinar os mínimos e máximos das prestacións contributivas por desemprego, así como as contías dos subsidios por desemprego.

Cal é o o seu valor actualmente?

O índice fíxase anualmente polo Consello de Ministros e publícase a través da Lei de Orzamentos do Estado.

En 2023 fixouse en 600 euros mensuais, que suman 8.400 euros en 14 pagas. Este ano segue nesta cantidade xa que non temos Orzamentos do Estado.

Desde a súa creación hai 20 anos —nese momento fixouse en 460,5 euros—, o Iprem experimentou un aumento de pouco máis de 100 euros. Entre 2010 e 2020 permaneceu practicamente conxelado e apenas sumou 4 euros en toda a década, situándoo nos 537,84 euros. Desde o ano 2008, o Consello de Ministros foi subindo periodicamente a contía do índice con cada aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, alcanzando eses 600 euros ao mes nos que se fixou en 2023.

O Iprem compárase cos ingresos brutos ou netos?

Cando se solicite algún tipo de axuda ou subsidio no que unha das condicións sexa que os ingresos estean por baixo de determinada cifra referida ao Iprem, é conveniente saber cales son os emolumentos que computan para os efectos do índice. Tense en conta o salario bruto antes das retencións.

En xeral, se este excede o Iprem correspondente, dependendo de se se trata dunha persoa individual ou dunha unidade familiar, o solicitante non tería dereito á vantaxe que se solicite.

Tamén hai que ter en conta que a maioría dos beneficios sociais son xestionados polas comunidades autónomas e os límites referenciados ao Iprem para cada axuda poden ser diferentes.

Cal é a súa relación co subsidio de paro?

Nunha das cuestións nas que máis inflúe o IPREM é na cobranza do subsidio de paro, cando se ten dereito a el, xa que serve para fixar os límites mínimos e máximos dos pagos por desemprego.

Se non se ten fillos/as, a prestación mínima por paro será o 80% do Iprem incrementado nunha sexta parte, mentres que a máxima non poderá superar o 175% deste índice incrementado nunha sexta parte.

Se se ten fillos/as, o mínimo non será inferior ao 107% do Iprem incrementado nunha sexta parte. Se se ten un/ha fillo/a, a contía máxima mensual será o 200% do Iprem máis a sexta parte.

É dicir, o mínimo para cobrar tendo fillos/as a cargo será de 749 euros e o máximo, no caso de que sexan dous ou máis, ascenderá ata os 1.575 euros.