XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE CORRECCIÓN DE IMPACTOS PAISAXÍSTICOS

22. 02. 04

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto.

En concreto, poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

a) Revestimento e/ou pintado de paramentos cegos de fachada que actualmente estean rematados con materiais ou solucións construtivas non axeitadas para quedaren á vista, como fábrica de ladrillo, de bloques de formigón, formigón ou morteiro de cemento. Os materiais e as cores que se empreguen deberán adaptarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

b) Renovación do acabamento dos paramentos cegos de fachadas, carpintarías ou cerrallarías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento. Considerarase como deficiente estado de conservación aquel en que se atopen os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas tales como descascado, humidades ou manchas permanentes, quedando excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.

Considéranse incluídos os casos de fachadas de cachotería ou cantaría que precisen a realización ou renovación dos morteiros de rexuntado. Os materiais e as cores que se empreguen deberán adaptarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

Considerarase que a tonalidade ou a intensidade da cor produce un impacto paisaxístico cando non se sitúan dentro da mesma gama cromática e próximas ás recollidas nas correspondentes cartas da Guía de cor e materiais de Galicia. Queda expresamente excluída a substitución de carpintarías e cerrallarías exteriores, sen prexuízo de que poidan ser obxecto de actuacións de renovación.

c) Remate ou renovación do acabado exterior de cubertas que, ben por estar rematadas con pranchas de fibrocemento ou solucións construtivas non axeitadas para quedaren á vista, ben por atoparse nun deficiente estado de conservación, constitúen un impacto paisaxístico. Considéranse incluídas as unidades de obra relativas a elementos ou intervencións inherentes e imprescindibles para o soporte (non estrutural), remate ou renovación das cubertas. Queda excluída de forma expresa a renovación de elementos estruturais, así como as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.

Para o novo acabado exterior das cubertas empregarase preferentemente tella cerámica ou lousa (en función do material tradicional da comarca), ben que poden empregarse outros materiais e solucións acordes co tipo de edificación e que ofrezan un adecuado resultado estético. Para tal fin, aplicaranse os criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

d) Revestimento de muros de cerramento de predios realizados con ladrillo ou bloques de formigón, sen revestir. O revestimento poderá realizarse con pintura (con ou sen enfuscado previo) ou con morteiros indicados para quedar vistos; en calquera caso aplicaranse tonalidades brancas ou grises/pardas moi claras. Tamén poderá empregarse pedra, acorde coas características da zona.

En todos os casos tomaranse como referencia os criterios da Guía de cor e materiais de Galicia e da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.

Tamén poderá ser obxecto de subvención a redución da altura dos citados muros, mediante a supresión de fiadas de bloques ou de elementos prefabricados de formigón como celosías ou balaústres, e o posterior remate do muro.

Así mesmo, poderá ser obxecto de axuda o pintado das portas, portais ou cerrallarías exteriores integradas nos cerramentos de parcelas, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.

As cores que se empreguen deberán adaptarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

e) Recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais, co obxecto de evitar o potencial impacto paisaxístico que produciría a súa perda, así como o que produce o seu mal estado de conservación.

As actuacións deberán respectar a tipoloxía e morfoloxía orixinal do muro en cada caso e deberanse empregar os mesmos materiais e técnicas coas que foron construídos.

Todas as actuacións deberán aplicar os criterios e recomendacións da Guía de cor e materiais de Galicia das doce grandes áreas paisaxísticas de Galicia, así como, no caso dos muros de cerramento, a Guía de caracterización e integración paisaxística de valados (publicadas na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda), ademais de axustarse ás condicións que veñan impostas pola normativa municipal e sectorial aplicable.

ACCEDE Á GUÍA AQUÍ: https://cmatv.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_Instituto_Estudos_Territorio?content=Direccion_Xeral_Sostibilidade_Paisaxe/Paisaxe/seccion.html&std=guia_cor.html&sub=guias-metodoloxicas/

GUÍA DE VALADOS:https://cmatv.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_Instituto_Estudos_Territorio?content=Direccion_Xeral_Sostibilidade_Paisaxe/Paisaxe/seccion.html&std=guia_valados.html&sub=guias-metodoloxicas/

 

Persoas beneficiarias e requisitos das solicitudes 

Poderán ser beneficiarios/as desta subvención as persoas físicas titulares dun inmoble ou ben sobre o que pretendan realizar algunha/s das actuacións establecidas no artigo segundo da presente resolución.

Só caberá presentar unha solicitude por persoa. Cada solicitude poderá conter varias actuacións. 

A persoa solicitante deberá ser propietaria do terreo, inmoble ou ben en que se pretende realizar as actuacións e deberá acreditar a súa plena dispoñibilidade, como mínimo durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario da axuda previstas no punto 19º. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase, na fase de solicitude, mediante a sinatura da correspondente declaración responsable de propiedade e plena dispoñibilidade incluída no anexo I.

Serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, tales como, entre outros, os materiais e a man de obra.

b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

O importe da subvención será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 3.000 € por solicitante e ben.

O prazo de presentación de solicitudes será de un (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

TODA A INFORMACIÓN: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220119/AnuncioG0192-221221-0001_gl.pdf