INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO CONVOCA AXUDAS ÁS COMUNIDADES DE PROPIETARIOS/AS PARA A REPARACIÓN, REHABILITACIÓN E OU ADAPTACIÓN DOS EDIFICIOS DE VIVENDAS PROTEXIDAS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento VI420A).

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, a rehabilitación e/ou adaptación dos edificios da vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), as cales se tramitarán co código de procedemento VI420A.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as ou agrupacións de comunidades dos edificios de vivendas que estean recollidos no ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a entidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo de criterios de valoración previstos nesta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.

2. As persoas integrantes da entidade beneficiaria que participen no custo das obras subvencionables terán consideración de perceptoras desta axuda na mesma proporción que a cota de participación establecida para o custo.

Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación desta resolución que comprendan todas ou algunhas das seguintes actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.

c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

2. Estas actuacións deberán axustarse á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

3. As actuacións subvencionables poderán estar iniciadas no momento de solicitar esta subvención, pero non poderán estar finalizadas.

4. Non serán subvencionables as actuacións que teñan a totalidade dos custos pagados a data da presentación da solicitude.

O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de tres meses, contados desde o día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado o prazo ao primeiro día hábil seguinte.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240402/AnuncioC3Q2-190324-0002_gl.pdf