CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN CONVOCA AXUDAS ECONÓMICAS PARA O ALUMNADO QUE REALIZA FORMACIÓN PRÁCTICA EN CENTROS DE TRABALLO OU FP DUAL

Convocar axudas económicas para a realización en empresas do módulo profesional de FCT e da FP dual, (código de procedemento ED202A), nas seguintes modalidades:

Modalidade A. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao básico, grao medio e grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos, que realice a FCT ou a FP dual dentro do territorio español.

Modalidade B. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao básico, grao medio ou grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño e ensinanzas deportivas de réxime especial, que realice a FCT ou a FP dual fóra do territorio español co fin de mellorar as súas competencias lingüísticas e profesionais.

Requisitos

1. Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao básico, grao medio ou grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos ou algún ciclo formativo de FP dual.

2. O alumnado que concorra a esta convocatoria de axudas deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo ou FP dual antes do 31 de decembro de 2023.

3. Non terá dereito á axuda convocada nesta orde:– O alumnado de FP dual en cuxos proxectos se inclúan axudas por desprazamento ou aloxamento.– O alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e teña concedida unha axuda Erasmus+ KA102, KA116 ou KA121, Fundación Paideia ou calquera outra axuda que financie totalmente o período de FCT, polas xornadas realizadas fóra do Estado español.

4. Non poderá ter a condición de persoa beneficiaria das axudas previstas nesta orde o alumnado que incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A persoa solicitante debe cumprir os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Prazo e lugar de presentación de solicitudes

Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:

1. O primeiro prazo, trinta e un (31) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para o alumnado que realizase a FCT nos períodos outubro 2022-marzo 2023 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2023. Acollerase a este primeiro prazo o alumnado de FP dual. O alumnado a que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2023 e que anticipase o período de FCT non se acollerá a este primeiro prazo.

2. O segundo prazo será o comprendido entre o 16 de outubro e o 16 de novembro de 2023, para o alumnado a que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2023. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2023. O alumnado que teña horario flexible con autorización da Dirección Xeral de Formación Profesional e remate despois do 31 de decembro de 2023 acollerase á seguinte convocatoria de axudas.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230828/AnuncioG0655-210723-0001_gl.html