XUNTA DE GALICIA CONVOCA BOLSAS DIRIXIDAS A PERSOAS COLABORADORAS NA RESIDENCIA DO CENTRO GALEGO DE TECNIFICACIÓN DEPORTIVA PARA O CURSO 2023-2024

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 28 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2023/24, e pola que se procede á súa convocatoria (código de procedemento DE400A).

Poderán ser beneficiarios das bolsas para persoal de apoio no CGTD todas aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter entre 18 e 30 anos no momento de presentar a solicitude.

b) Estar empadroado en Galicia no momento de presentar a solicitude.

c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade, escola universitaria ou nun ciclo formativo.

d) Non ser beneficiario dunha bolsa como deportista no CGTD no momento da solicitude.

e) Estar en disposición de cumprir co establecido na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, que modificou a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.

f) No caso de estudantes que tivesen bolsa como deportistas na residencia do CGTD, será necesario:

– Que a súa estadía no CGTD fose valorada como positiva polo equipo directivo do centro.

– Que pasase polo menos 1 ano desde o remate da súa estadía como deportistas bolseiros ata a presentación da solicitude como persoal de apoio.

g) Supletoriamente, no caso de non cubrir as prazas cos requisitos anteriores, poderanse ter en conta solicitudes de persoas que fosen bolseiros no CGTD con anterioridade e que estean cursando estudos non oficiais.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230809/AnuncioG0690-310723-0002_gl.pdf