CONVOCATORIA EN GALICIA DO PROGRAMA DE EMISIÓN DE BONOS DIXITAIS PARA COLECTIVOS VULNERABLES (FONDOS EUROPEOS)

AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2023 pola que se convocan subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento AP400A).

Características do bono dixital

1. O bono dixital contribuirá a financiar a contratación de novos servizos de conexión a banda larga ou o incremento da velocidade dos xa contratados desde unha localización fixa e irá destinado a persoas físicas de unidades familiares que fosen identificadas como vulnerables.

2. O bono dixital permitiralle ao solicitante a contratación do servizo indicado no punto anterior, tendo dereito a unha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses, e chegará a acadar como máximo os 240 euros.

3. O recoñecemento do dereito a recibir o bono dixital a unha unidade familiar e a contía do dito bono é independente do número de membros integrantes dela.

4. O servizo de acceso que ofertarán as entidades colaboradoras terá, como mínimo, as características seguintes:

a) O servizo de conexión terá asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 30 Mbps en sentido da rede ao usuario (DL) en condicións de hora punta, entendida esta como a velocidade alcanzada polos usuarios finais durante un período dunha hora no momento de ocupación máxima da rede.

b) O servizo de acceso á banda larga realizarase a través da tecnoloxía máis adecuada en cada caso co fin de respectar o principio de neutralidade tecnolóxica.

c) Modalidade de acceso: non existirá limitación horaria para o acceso ao servizo nin limitación ao volume mensual dos datos descargados.

5. Non son obxecto desta axuda outros servizos que a entidade colaboradora poida prestar a través do mesmo acceso (voz, televisión, etc), sen prexuízo de que os usuarios poidan contratar os ditos servizos de forma adicional.

Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da renda de inclusión social de Galicia (Risga) da Xunta de Galicia ou do ingreso mínimo vital (IMV) do Goberno de España.

Así mesmo, tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que se encontre en situación ou risco de exclusión social. No caso da exclusión social, verificarase a concorrencia adicional dalgún dos factores de exclusión establecidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Considerarase ausencia ou déficit grave de recursos económicos cando na unidade familiar o nivel de renda sexa igual ou inferior a: a) 1,25 veces o IPREM, se non existe unidade familiar ou non hai menores nela. b) 1,75 veces o IPREM, se hai menores na unidade familiar.

En calquera caso, as persoas beneficiarias deberán estar empadroadas e ter residencia constatada polos servizos sociais comunitarios básicos en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. 5. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada, con independencia das comprobacións que efectúe o órgano xestor. 6. Só se poderá conceder un bono dixital por persoa física e por unidade familiar.

Entenderase por unidade familiar, segundo o establecido no artigo 82 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non-residentes e sobre o patrimonio:

a) A integrada polos cónxuxes non separados legalmente e, se os houbese: 1.º Os fillos menores, con excepción dos que, co consentimento dos pais, vivan independentes deles. 2.º Os fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

b) Nos casos de separación legal, ou cando non existise vínculo matrimonial, a formada polo pai ou a nai e todos os fillos que convivan cun ou outro e que reúnan os requisitos a que se refire a letra a) deste artigo.

O prazo para presentar as solicitudes dos bonos dixitais comezará o día seguinte ao da publicación no DOG desta relación e rematará o 15 de novembro de 2023.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230718/AnuncioG0177-040723-0001_gl.pdf