CONVOCAN AXUDAS Á VALORIZACIÓN E Á SEGUNDA TRANSFORMACIÓN DA INDUSTRIA FORESTAL GALEGA E DO CONTRACT

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2023 en réxime de concorrencia competitiva as axudas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) núm. 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

2. Para a liña 5 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) que presten servizos de prevención de riscos laborais, así como as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. En calquera caso, deberán desenvolver a súa actividade en Galicia.

Considéranse subvencionables as seguintes actuacións desagregadas por liñas estratéxicas:

Liña 1. Competitividade e valorización. a) Compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de transformación de produtos de orixe forestal non alimentarios, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabamentos da madeira. b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención. c) Outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.

Liña 2. Mobiliario, contract e construción. a) Compra de maquinaria nova vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e ao deseño e fabricación de elementos para a construción. b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención. c) Outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.

Liña 3. Mellora produtiva e desenvolvemento de novos produtos sustentables ou solucións a través de servizos de deseño, desenvolvemento e implementación de estratexias mediante a avaliación e análise de retos empresariais encamiñados a mellorar a produtividade dos procesos industriais, o desenvolvemento de novos produtos/solucións ou á diversificación a través de novos modelos de negocio, entre outros na: a) Eco-construción. Construción sustentable e industrializada en madeira. b) Fixación de cores. Madeira laminada con cores. c) Novos produtos de madeira para clases de uso 3.1, 3.2, 4 e 5. d) Sistemas para a mellora dos procesos de encolado, resistencia e comportamento ao lume. e) Composites de madeira. f) Biomoléculas de interese, medicamentos, encimas, alimentos de alto valor nutricional. g) Acústica, combinando madeira con calquera outro material. h) Valorización de subprodutos da industria forestal.

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230331/AnuncioG0520-200323-0001_gl.pdf