XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA EN EMPRESAS TURÍSTICAS (FONDOS NEXTGENERATION)

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión EuropeaNextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2023 (código de procedemento TU986B).

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), sempre que teñan residencia fiscal en España, e se encadren nalgún dos seguintes colectivos:

a) As persoas físicas ou xurídicas de natureza privada que sexan propietarias de edificios existentes destinados a aloxamento turístico.

b) As empresas explotadoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios destinados a aloxamento turístico, que acrediten a dita condición mediante contrato vixente que lles outorgue facultade expresa para acometer as obras de reforma obxecto do Acordo do 29 de marzo de 2022.

As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

As actuacións subvencionables deben cumprir cos requisitos específicos que se establecen para cada unha delas no anexo III da resolución e encadrarse nunha ou varias das seguintes tipoloxías:

a) Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica (tipoloxía 1).

b) Mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; incluída a instalación de redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía renovable e/ou calor residual para complexos turísticos de varios edificios (tipoloxía 2).

c) Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación (tipoloxía 3).

Estas actuacións deberán alcanzar as dúas condicións seguintes:

– Unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación de partida.

– A mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2 /m2 ano). Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter unha cualificación enerxética A. Para a obtención das condicións anteriores poderanse combinar as actuacións que se vaian realizar, e non é necesario o seu cumprimento por cada actuación individualmente.

A contía das axudas para cada unha das tipoloxías de actuacións subvencionables está establecida no anexos II e III desta resolución, cun límite de 150.000 euros (IVE excluído) por proxecto subvencionable.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá realizar un gasto efectivo, que deberá xustificar, de polo menos 5.000 euros (IVE excluído) no proxecto subvencionable.

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o día 30 de marzo de 2023, salvo que con anterioridade se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web da Axencia Turismo de Galicia mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección da axencia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221202/AnuncioG0256-251122-0002_gl.pdf