XUNTA DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DA COMERCIALIZACIÓN DA ARTESANIA GALEGA

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 9 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e o impulso da competitividade do sector artesán e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento IN201G).

Beneficiarias/os

Persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídos e que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

1. Titulares de obradoiros artesanais, xa sexan persoas físicas ou xurídicas ou comunidades de bens, inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso de novos obradoiros, terán de termo ata o último día de prazo para a presentación da solicitude de subvención para solicitar a inscrición no dito rexistro.

2. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns de Galicia legalmente constituídas das cales cando menos o 90 % dos seus membros, cun mínimo de 10, figuren inscritos na Sección Segunda (obradoiros artesáns) do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

3. Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. Os concellos deberán cumprir co deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 139/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Actuacións subvencionables

1. Actuacións de comercialización física subvencionables.

1) Titulares dos obradoiros artesanais Considéranse actuacións subvencionables a participación como expositora/or en feiras ou eventos de interese artesanal, nacionais ou internacionais:

a) Feiras profesionais de artesanía.

b) Feiras non profesionais.

c) Feiras profesionais e non profesionais do período do Nadal 2020/21.

As ditas feiras deberán ter indubidable interese comercial para o sector artesanal galego.

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210722/AnuncioG0596-120721-0001_gl.pdf