VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

ORDE do 12 de marzo de 2024 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo unitario para a provisión mediante contrato laboral temporal de postos de auxiliares de policía local (código de procedemento PR461A).

Requisitos das persoas aspirantes.

As persoas interesadas en participar neste proceso deberán acreditar que cumpren os seguintes requisitos dentro do prazo fixado nesta convocatoria para a presentación de solicitudes e deberán mantelos durante o procedemento de selección, contratación e/ou permanencia na listaxe de reserva:

a) Cumprir os dezaoito anos e non exceder, de ser o caso, da idade máxima de xubilación forzosa.

b) Ter a nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea, así como tamén as persoas estranxeiras con residencia legal en España, nos termos previstos no artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril.

c) Ter superada a educación secundaria obrigatoria, título de graduado escolar ou equivalente, correspondente ao grupo C, subgrupo C2, do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.

d) Non ser despedido/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á que pertencía.

e) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240318/AnuncioG0690-120324-0002_gl.pdf