O Concello de Forcarei iniciou o proceso para a contratación de persoal para o servizo de vixilancia das piscinas municipais de Soutelo de Montes e Forcarei este verán. Concretamente, busca tres socorristas para as dúas instalacións.

As persoas interesadas en acceder a estes postos deben estar inscritas como demandantes de emprego na oficina do INEM da Estrada e pasarán un proceso de selección teórico e práctico. As bases reguladoras da convocatoria poderán consultarse na sede electrónica (http://forcarei.sedelectronica.gal) e no Rexistro Xeral do Concello.

Os contratos serán a xornada semanal completa (40 horas/semana), incluídos domingos e festivos, e terán unha duración de dous meses e once días. O salario bruto será de 1.232,39 € mensuais.

O Concello de Forcarei está a traballar tamén estes días na posta a punto das dúas piscinas para a súa próxima apertura, prevista para os últimos días de xuño. O horario de apertura será de 12.30 a 20.30 horas e haberá carnés para o uso das instalacións durante toda a tempada estival.