imprimir

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA O PROGRAMA "LECER EN FAMILIA"

26. 03. 30

O programa “Lecer en familia”, destinado a familias empadroadas na provincia de Pontevedra, configúrase como un poderoso axente de socialización para desenvolver habilidades sociais e crear tempo de lecer de calidade no que propiciar o benestar e a satisfacción persoal mediante emocións, sentimentos e afectos positivos.

O programa “Lecer en familia” 2026 contará con 2.957 prazas.

 2.907 prazas de réxime xeral: a Deputación subvencionará 60 euros do custo total da praza para as persoas maiores de 12 anos e 30 euros para as de 3 a 12 anos (estas incluídas). O prezo das prazas destas e destes menores será o 50 % do prezo da praza de persoa adulta ou maior de 12 anos, mentres que para as e os menores de 3 anos será de balde.

• 50 prazas de réxime especial: a Deputación subvencionará o 100 % do prezo de adxudicación.

Este programa caracterízase por ofrecer unha estancia dunha noite en fins de semana (venres ou sábado), períodos non lectivos ou vésperas de festivos nun hotel da provincia de Pontevedra: establecementos hoteleiros de tipo balneario, talaso ou spa, e hoteis de zonas urbanas ou rurais, con réxime de media pensión. A entrada nos establecementos será pola tarde e a saída o día seguinte ao mediodía.

Ao ofrecer un programa específico para familias en establecementos hoteleiros da provincia, estamos contribuíndo directamente a promover o tempo de calidade en familia, a apoiar a convivencia e a fomentar o benestar físico e mental, ademais de proporcionar unha opción de lecer que contribúe a mellorar de forma global a calidade de vida das familias e cumprir así coas directrices desta importante lexislación galega.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias todas as persoas integrantes dunha unidade familiar con menores a cargo que teñan a súa residencia na provincia de Pontevedra.

2. Ademais do anterior, os membros da unidade familiar que desexen participar deberán acreditar o parentesco ata o primeiro grao por consanguinidade e/ou afinidade coa persoa solicitante e estar empadroados no mesmo domicilio. Exceptúase o requisito de empadroamento no mesmo domicilio no caso de familias que acrediten unha situación de separación ou divorcio legal; neste caso esixirase que ambos os domicilios (o da persoa solicitante en situación de separación ou divorcio e o dos outros membros da familia incluídos na solicitude) estean na provincia de Pontevedra.

O prazo para presentar as solicitudes comezará o 1 de abril de 2026 e rematará o 15 de abril de 2026.

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2026/03/24/2026019269