imprimir

XUNTA DE GALICIA ABRE PRAZO PARA MATRICULARSE NAS ESCOLAS INFANTÍS DE 0-3

26. 03. 16

Axencia Galega de Servizos Sociais

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2026 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta axencia para o curso 2026/27 (códigos de procedemento BS402A e BS402F).

Serán requisitos para ser adxudicatario/a de praza nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais para o curso 2026/27:

a) Que o neno ou a nena xa nacese no momento de presentación da solicitude e teña a súa residencia en Galicia.

b) Que teña unha idade mínima de 3 meses na data de ingreso na escola infantil en que obteña praza e non teña feitos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2026. Non obstante o anterior, poderanse eximir do límite de idade dos 3 anos os nenos e as nenas con necesidades específicas de apoio educativo, de acordo co Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que as familias que xa escolarizasen un fillo ou filla no mesmo centro ou en calquera outro centro da Rede pública autonómica A Galiña Azul, que comprende as escolas infantís 0-3 dependentes da Agass e do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar, estean ao día no pagamento das cotas polos servizos recibidos na data de presentación da solicitude, tanto nos supostos de renovación de praza como de novo ingreso nos centros da Agass.

Nas escolas infantís 0-3 a que se refire esta resolución, o curso escolar dará comezo o venres 4 de setembro de 2026.

Os prezos que deberán pagar as persoas usuarias polos servizos complementarios durante o curso 2026/27 serán os establecidos na normativa de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades do sector público autonómico de servizos sociais, ao ser gratuíta a atención educativa para todo o alumnado solicitante de prazas.

O prazo para a presentación das solicitudes no procedemento ordinario, tanto de reserva de praza como de novo ingreso, comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finaliza o día 7 de abril de 2026.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260316/AnuncioG0379-100326-0001_gl.html