imprimir

XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS DESTINADAS A FOMENTAR O ASOCIACIONISMO E A PARTICIPACIÓN DAS MULLERES

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE

ORDE do 11 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento SI437A).

Liñas:

a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar os gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións.

b) Liña 2: prevención e atención da violencia de xénero no ámbito do tecido asociativo de mulleres, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, sen ánimo de lucro, que cumpran os requisitos, as condicións e as obrigas previstos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular as seguintes:

a) Ter domicilio social en Galicia.

b) Estar inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). Este requisito será verificado de oficio pola unidade de igualdade instrutora do procedemento do departamento territorial correspondente.

c) Ter presentada a memoria de actividades, relativa a actuacións de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia contra as mulleres, antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, relativa a, como mínimo, un dos últimos anos, desde o ano 2023 ao 2025, no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). Este requisito será verificado de oficio pola unidade de Igualdade instrutora do procedemento do departamento territorial correspondente. Este requisito será exixido ás entidades constituídas antes do 31 de decembro de 2023.

d) As mulleres socias deben representar, polo menos, o 90 % da totalidade das persoas físicas asociadas, tanto no caso das asociacións como das federacións.

e) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante a declaración responsable da entidade interesada.

Accións subvencionables e contía da axuda

1. En relación coa liña 1: consolidación do movemento asociativo, serán subvencionables as actuacións do mantemento e funcionamento ordinario da entidade solicitante, xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, ambos os dous incluídos.

A contía máxima da axuda que se pode conceder na liña 1 ao abeiro desta convocatoria é de 5.000 €.

2. En relación coa liña 2: actuacións relacionadas coa prevención e atención da violencia de xénero no ámbito do tecido asociativo das mulleres, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, serán subvencionables as realizadas entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de novembro de 2026, ambos os dous incluídos.

En concreto, serán actuacións para financiar:

– Información, acompañamento e atención a vítimas de violencia de xénero.

– Formación para as asociacións sobre diferentes formas de violencia contra a muller, que contribúan á prevención, así como detección e atención a vítimas da violencia de xénero.

– Campañas de sensibilización contra a violencia cara ás mulleres no ámbito rural, nas cales se desenvolverán diferentes accións planificadas de difusión, comunicación e actividades para concienciar e mobilizar a cidadanía.

Cada entidade poderá incluír na solicitude desta axuda unha ou varias das anteriores actuacións.

A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta liña é de 6.000 €.

Gastos subvencionables 1.

Na liña 1, consolidación do movemento asociativo, terán a consideración de subvencionables os gastos correntes en bens e servizos derivados do mantemento ou funcionamento das asociacións, xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, que respondan, entre outros, aos seguintes conceptos:

a) Gastos de alugamento do local destinado á sede social da asociación ou federación.

b) Gastos de administración xeral e material funxible de oficina, material informático non inventariable, gastos de correo e outros análogos.

c) Gastos de persoal administrativo contratado pola asociación ou federación que comprenderá as retribucións salariais, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade beneficiaria.

d) Gastos ocasionados por obras de conservación e mantemento, e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables, por non implicaren incremento do valor patrimonial da sede social.

e) Asesoramento xurídico, fiscal e contable da asociación ou federación.

f) Gastos derivados do mantemento do local da sede social, que comprenderá luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.

g) Gastos de seguros de responsabilidade civil e de seguros multirisco.

h) Gastos de instalación e mantemento de liñas de acceso á internet, mantemento de equipamentos informáticos e creación ou mantemento da páxina web da asociación ou federación.

2. Na liña 2, prevención e atención da violencia de xénero no ámbito do tecido asociativo das mulleres, terán a consideración de gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións previstas no artigo 5.2, xerados no período comprendido entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de novembro de 2026, que respondan aos seguintes conceptos:

a) Os gastos do persoal contratado especificamente para o desenvolvemento das actuacións e actividades para as cales se solicita axuda, tendo en conta a retribución salarial aplicable pola xornada de traballo realizada para os correspondentes grupos ou categorías profesionais segundo os respectivos convenios colectivos.

Cando a entidade contrate directamente o persoal que vaia desenvolver a actuación ou actividade, a xustificación do gasto farase a través da nómina, dos documentos xustificativos do seu pagamento e do ingreso dos seguros sociais e da retención do IRPF. Cando contrate empresas ou persoas autónomas para o desenvolvemento da actuación ou actividade, a xustificación do gasto farase mediante a factura, o documento xustificativo do seu pagamento e, se é o caso, o ingreso do IRPF. Os gastos das persoas relatoras tamén comprenderán os honorarios, o aloxamento e o transporte.

b) Gastos derivados da elaboración ou adquisición de materiais e publicacións específicas para o desenvolvemento da actividade que se vaia subvencionar.

c) Gastos de publicidade e difusión das actuacións.

d) Outros gastos correntes directamente derivados da realización da actuación e actividade subvencionada que se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260528/AnuncioG0762-120526-0006_gl.pdf