CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE
ORDE do 12 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do programa de Benestar en balnearios e axudas para o ano 2026, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS607A).
Convócanse un total de 1.276 prazas para participar no programa Benestar en balnearios 2026 da Xunta de Galicia, que se desenvolverá nas quendas e nos establecementos balnearios recollidos no anexo IV.
Cada quenda terá unha duración de 10 días e 9 noites, e comprenderá desde as 12.00 horas do día de chegada ata as 12.00 horas do día de saída.
As quendas terán lugar entre o 15 de xullo e o 31 de decembro de 2026.
Poderán ser persoas beneficiarias do programa Benestar en balnearios para o ano 2026 aquelas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter 60 anos ou máis, ou ter 55 anos ou máis e posuír a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
b) Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e atoparse en condicións de participar no programa.
d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a convivencia normal nos establecementos, nin enfermidades transmisibles que supoñan risco de contaxio.
e) Non ter contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación necesaria que lle permita acceder a algunha das prazas e das quendas solicitadas.
g) Cumprir cos requisitos e coas obrigas establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
A persoa solicitante poderá participar na convocatoria da oferta de estadías e tratamentos do programa acompañada das seguintes persoas:
a) O seu cónxuxe, parella de feito ou persoa coa que manteña unha unión estable e de convivencia cunha relación análoga á conxugal, sempre que esta cumpra os requisitos do número 1, agás o recollido na letra a) A dita circunstancia acreditarase mediante unha certificación de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito, o libro de familia, un certificado do Rexistro Civil ou, de ser o caso, mediante un certificado de empadroamento ou documentación equivalente que acredite a convivencia.
b) Un fillo ou unha filla cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que poida acudir sen apoio de terceira persoa, se desprace con autonomía, e cumpra os demais requisitos do número 1, agás o da letra a).
Con carácter xeral, compartirá a habitación coas persoas proxenitoras solicitantes. De existir dispoñibilidade, poderá optar por unha habitación individual nos termos previstos nesta orde e aboará o suplemento correspondente, de acordo coas tarifas ofertadas polo establecemento.
c) Calquera outra persoa coa que desexe participar no programa, sempre que cumpra integramente os requisitos establecidos no número 1.
O prezo que deberá aboar cada persoa beneficiaria por estadía, segundo o tipo de establecemento balneario e a quenda adxudicada, será o seguinte:
a) Balnearios con establecementos hoteleiros de 4 estrelas ou de 3 estrelas categoría superior: 397 €.
b) Balnearios con establecementos hoteleiros de 3, 2 ou 1 estrela: 368 €.
c) Balnearios con outro tipo de aloxamento: 285 €.
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260526/AnuncioG0762-120526-0001_gl.pdf