CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE
ORDE do 27 de abril de 2026 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre adscritas a esta consellería no ano 2026 (código de procedemento BS419A).
Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2026 nas residencias de tempo libre de Panxón e do Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Política Social e Igualdade. O código deste procedemento de adxudicación é o BS419A e comprende exclusivamente as estadías e servizos reflectidos no anexo III, cuxa adxudicación corresponde á Consellería de Política Social e Igualdade.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias todas as persoas integrantes dunha unidade familiar que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente, poderán acollerse a esta orde os galegos e galegas residentes no exterior. Non se valorarán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgunha das dúas convocatorias anteriores, salvo que existan prazas vacantes na quenda solicitada.
Os servizos que se prestan nestas residencias no ano 2026 comprenderán o aloxamento e o mantemento en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias residentes, como se indica:
a) Servizo de aloxamento, que inclúe a limpeza diaria.
b) Servizo de comedor en réxime de pensión completa, que comprende o almorzo, o xantar e a cea.
O servizo de comedor ofrece un menú único, sen prexuízo da atención de solicitudes de dietas individualizadas en caso de alerxias ou intolerancias alimentarias derivadas dunha prescrición médica.
Non se admite a entrada e estadía de animais de compañía.
O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles. Este prazo comezará a computar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260506/AnuncioG0762-280426-0001_gl.pdf