imprimir

XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS ECONOMICAS A FAMILIAS PARA A CONCILIACIÓN, EN SITUACIÓNS PUNTUAIS E PERÍODOS DE VACACIONS ESCOLARES (BONO CONCILIA FAMILIA)

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE

ORDE do 25 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS412A).

Para os efectos desta orde, entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes períodos do ano 2025:

– Do 1 ao 7 de xaneiro.

– Os días 3, 4 e 5 de marzo.

– Do 14 ao 21 de abril.

– Do 21 de xuño ao 7 de setembro.

Accións e gastos subvencionables

1. Para ter dereito ás axudas previstas nesta orde as familias deberán acreditar que se atopan nun dos seguintes supostos:

a) Supostos de necesidades puntuais que a continuación se relacionan:

1º. Enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual.

2º. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.

3º. Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual, que impidan a atención do neno ou nena.

4º. Situacións puntuais de coidado de familiares do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención do neno ou nena pola persoa coidadora habitual.

b) Necesidades en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións, sempre que ambos pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental non poidan facerse cargo da atención do neno ou nena por motivos laborais.

2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos derivados dos medios empregados para a atención de nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2021, nos supostos previstos no número anterior e realizadas dentro do período indicado no artigo 1.1:

1º. Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar, de forma temporal, para o coidado do neno ou nena.

2º. Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.

3º. Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade, en concreto, atención en ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

4º. Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares, exceptuados os recollidos na Orde do 10 de abril de 2025 pola que se regula a oferta de prazas para actividades xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2025 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS303A).

Tipo de axuda e contía

a) De 500 euros por unidade familiar, no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.

b) De 200 euros por cada neno ou nena no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará ás 9.00 horas do día 8 de setembro de 2025 e finalizará o día 8 de outubro de 2025 ás 23.59 horas.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250904/AnuncioG0762-250825-0006_gl.pdf