Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Networking

CENTRAL CIENTÍFICA GALEGA ENTRARÁ A PARTIR DE XANEIRO NO NOSO VIVEIRO DE EMPRESAS

Central Científica Galega (CCG) ten como obxetivo proporcionar servizos de carácter científico-técnico para o control ambiental. Para isto ofrece solucións tecnolóxicas integrais, innovadoras e accesibles para a detección e monitorización de contaminación ambiental e asesoramento para o control da mesma, tanto no ámbito residencial como no empresarial. Dita análise e control será de obrigado cumprimento a partir do próximo ano 2018, para adecuarse ás normativas nacionais e internacionais de seguridade e saúde no hogar e no traballo.

A empresa, con sede en A Estrada, é froito da fusión da iniciativa empresarial e científica privada galega, e xurde co obxetivo de prestar servizos de asesoría, consultoría, deseño, avaliación e execución experimental de proxectos de carácter científico-técnico. Actualmente, atópase en fase de negociación con varias empresas multinacionais coa finalidade de aplicar en exclusiva os últimos avances en control ambiental en toda España.

Iván Cristobo, Xerente e Responsable Científico da empresa, é Doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e posúe unha dilatada carreira no mundo da investigación sanitaria (enfermidades vasculares, cáncer e novas estratexias terapéuticas) e na valorización dos seus resultados coa empresa. Traballou como investigador e gestor en máis de 20 proxectos en prestixiosas institucións e consorcios nacionais e internacionais como a Universidade e o Hospital Clínico de Santiago de Compostela, o Consello Superior de Investigacións Científicas ou a Universidade de Alabama.

A emrpesa estará instalada no viveiro de empresas da Estrada a partires do 1 de xaneiro de 2018.

Para calquera consulta podedes contactar con eles no 698 179 640.

 

 

PRESENTÁMOSCHE O CENTRO WELLNESS ABSOLUTE, UN DOS PROXECTOS QUE SE DESENVOLVEN NO VIVEIRO DE EMPRESAS

Centro Wellness Absolute é un proxecto asociado ao Viveiro de Empresas do Concello da Estrada e dirixido por Guillermo Martínez, diplomado en Maxisterio en Educación Física e técnico superior de Actividades Físicas e Deportivas. Guillermo conta coa colaboración de Sofía Mosteiro, graduada en Ciencias do Deporte.

Por que escollestes o Viveiro de Empresas do Concello da Estrada?
Guillermo: Consideramos que necesitabamos dar a coñecer o noso proxecto e o viveiro é un centro empresarial importante que nos pode axudar a cumprir ese obxectivo. Agora aínda somos poucas persoas, mais cremos que máis adiante imos ser máis, o que repercutirá positivamente no noso proxecto.

Vós xa tedes un centro. A xente que queira comprar o voso produto, do que falaremos agora, pode vir tanto aquí coma ao centro?
Guillermo: Claro, mais a nosa dirección dentro do viveiro de empresas ten connotacións diferentes ás do centro: non se trata só de promover Centro Wellness Absolute, senón de promover o programa Mens sana in corpore sano:Traballo ben feito. Segue unha liña parecida á do centro, mais está máis dirixido cara á empresa.
Sofía: Levamos traballando co centro 16 anos, mais xa levamos 22 anos traballando neste ámbito. Trátase dunha experiencia que avala o proxecto que agora propoñemos.

Pódesnos explicar en que consiste o programa Mens sana in corpore sano: Traballo ben feito?
Guillermo: É un programa que se dirixe ás empresas e ás persoas traballadoras que as compoñen. O obxectivo é fomentar a saúde mediante a actividade física, coa finalidade de loitar contra o absentismo laboral producido por doenzas músculo-esqueléticas, entre outras causas. Consideramos que pode ser moi interesante, xa que tamén conseguimos algo favorable para empresa ao diminuírmos as baixas laborais, o que afecta positivamente á súa economía.
É un programa novo, é utilizar a actividade física como algo útil, para o que buscamos ir alén da actividade física concibida como “culto ao corpo”. O noso obxectivo é que, cun tempo de actividade física mínimo, poidamos conseguir que as persoas obteñan os máximos beneficios posibles, porque tamén hai que ter en conta que é necesario que a actividade física non lles quite tempo en exceso, xa que deben ter espazo para outras cuestións (familia, lecer etc.) para teren unha saúde óptima.
Sofía: Cómpre indicar que se trata dun programa orientado á prevención, mais tamén a aquelas persoas que xa sofren algún tipo de doenza.
Guillermo: Ademais, é un tipo de actividade para o que non hai iniciativa pública, todas as iniciativas son privadas. Isto é algo moi desenvolvido nos Estados Unidos, onde o goberno si está implicado neste tipo de proxectos.
Sofía: Nós decidimos apostar por un tipo de proxecto que noutros países é moi común e aquí non, xa que hai países nos que é habitual que as empresas teñan os seus propios ximnasios para mellorar a saúde laboral das persoas traballadoras.
Durante décadas, a actividade física entendeuse só como o culto ao corpo, cando realmente é algo que vai alén diso, xa que se trata dunha cuestión básica de saúde. A principal achega da actividade física é o benestar e a saúde que se acada. Como beneficio adicional, obtemos tamén unha mellora estética, mais isto último non debería se o fin principal. As persoas que só buscan unha mellora estética adoitan ser menos constantes ca as que buscan saúde.
Guillermo: É unha cuestión complicada, porque a sociedade aínda está afeita a que se lle venda a idea do culto ao corpo, cando hai valores moito máis importantes, como é o feito de que unha persoa estea sa para que funcione ben como cidadá.

Entendemos, por tanto, que é un programa dirixido máis a empresas ca a particulares, é así?
Guillermo: Si, é así. De feito, somos nós quen nos diriximos ás empresas a través dun comercial que temos contratado, Joaquín. Isto non quita que as empresas poidan dirixirse a nós para solicitar os nosos servizos.

E xa traballades con algunha empresa da Estrada?
Guillermo: Aínda non, mais xa temos cinco interesadas. Con todo, só levamos unha semana explotando este programa, aínda que levamos meses organizándoo.
Sofía: Está tendo unha boa recepción, xa que se trata dunha cuestión de saúde que é accesible para as empresas. As empresas que xa aceptaron van comenzar co programa en febreiro e están moi entusiasmadas, xa que está deseñado especificamente para cada profesión. Nós partimos do tipo de actividade de cada persoa (por exemplo, un/unha modisto/a, unha persoa que traballa na madeira, unha persoa que traballa en carga e descarga etc.) e, en función diso, aplicámoslle un tipo de programa. É dicir, non todas as persoas van ter o mesmo programa, senón que o adecuamos á súa actividade profesional.

Só traballades con empresas privadas ou tamén coas administracións?
Sofía: As administracións son unha empresa máis e sería moi bo que tivesen en consideración as cuestións incluídas no noso programa. De feito, hai moita xente que ten moitos problemas polo seu traballo nas administracións, xa que o feito de estar todo o día fronte a un ordenador tamén xera unha serie de problemas de saúde, físicos e de estrés.
Guillermo: Queremos traballar primeiro con empresas máis pequenas, para detectarmos as cuestións que podemos mellorar, mais as administracións tamén están entre os nosos obxectivos. O noso programa tamén melloraría o aspecto psicolóxico das persoas que traballan nas administracións públicas, xa que se a administración en que traballan se preocupapor elas, van estar máis contentas, vanse mellorar as relacións cos compañeiros e compañeiras e van facer mellor o seu traballo.

E poden achegarse a vós outro tipo de entidades, como pode ser o caso dunha asociación?
Guillermo: Xa traballamos para asociacións da Estrada noutras ocasións.
Sofía: Tamén poderiamos seguir traballando con elas dentro deste proxecto, mais cómpre termos en conta a diversidade (de idade etc.) que podemos atopar dentro das persoas que forman parte dunha asociación.

A aplicación do programa realizaríase fóra do horario laboral das persoas traballadoras a que vai dirixido?
Guillermo: En principio, a nosa proposta é que o programa se desenvolva fóra do horario laboral nas instalacións do Centro Wellness Absolute, mais é unha cuestión que as persoas traballadoras e a empresa terán que negociar.
Sofía: Nós ímonos adecuar ás necesidades de tempo libre que teñan as persoas participantes, xa que o tempo de lecer tamén é un dos recursos positivos para as persoas traballadoras.
Guillermo: Todo é negociable, polo que se poden modificar as condicións da nosa proposta inicial. Así, por exemplo, pode que a unha determinada empresa lle interese desenvolver o programa nas súas propias instalacións, condición á que nós nos poderiamos adaptar sen ningún problema.

No programa traballaríase tanto a parte física coma psicolóxica?
Guillermo: En realidade, o que queremos transmitir con mens sana in corpore sanoé que se unha persoa está ben fisicamente, isto tamén vai ter repercusións psicolóxicas positivas e, en consecuencia, no ámbito laboral vai ser máis produtiva.
Sofía: Ademais, non debemos esquecer que a actividade física ten un efecto comprobado na mellora psicolóxica, polo que tamén se pode empregar como ferramenta para lles axudar a persoas con depresión.

Credes que as empresas afeitas a traballaren dun xeito tradicional son quen de entender o retorno da inversión nun programa coma o voso?
Guillerm:o Si. Todo o que supoña economía para unha empresa hai que, polo menos, escoitalo. A partir de aí, nós propoñemos diferentes alternativas á hora de facer fronte aos custos do programa e entendemos que depende moito da implicación da empresa. As empresas con xente nova poden amosar un maior interese, xa que pode que entendan mellor que achegamos vantaxes na psicoloxía das persoas traballadoras, así como na súa implicación coa empresa, ao sentiren que a empresa se implica con elas. Este é un punto de partida que se pode ampliar, engadindo cousas novas.
Sofía: Joaquín agora mesmo estase achegando á xente para que coñeza o produto. A xente, polo menos, quere escoitar. Tivo moi boa acollida entre as persoas coas que falou e, como dixemos, hai xente que empezará en febreiro e xa estamos preparando o programa para estas persoas. Por outro lado, viñeron algunhas empresas con longo percorrido na Estrada buscando información sobre o programa.

Fixestes algún estudo de mercado antes de poñerdes en marcha este programa?
Guillermo: Non, en Galicia non hai ningún estudo feito. Hai documentos da Xunta que non teñen en conta o ámbito en que traballamos e, aínda que hai documentos do Estado en que se inclúen estas cuestións, só se fai referencia a estudos americanos de hai 20 anos. Hai grandes empresas en Madrid ou Barcelona que si fixeron estudos de mercado, mais no referente a poboacións máis pequenas, non existen.
Sofía: Se o noso programa funcionase, poderiamos dicir que A Estrada sería pioneira no desenvolvemento deste tipo de programas fóra das grandes cidades.

O servizo vai estar destinado só a empresas da Estrada?
Sofía: Hai que ir pouco a pouco, mais non está limitado só á Estrada.
Guillermo: En principio comezaremos na Estrada. Temos que ver que campo de traballo temos aquí e, despois, dirixirémonos a empresas máis grandes, mais primeiro queremos ver como funciona nun ámbito máis reducido.

Que considerades que é o máis positivo de estardes no Viveiro de Empresas do Concello da Estrada?
Guillermo: A comunicación con outras empresas, sen dúbida ningunha, aínda que de momento sexamos poucas, mais nós esperamos que vaiamos sendo máis. Sabemos a que se dedican os compañeiros e compañeiras do viveiro e levámonos moi ben persoalmente.

Credes que as instalacións que vos ofrece o viveiro se adecúan ás vosas necesidades?
Guillermo: Si, claro.
Sofía: Por suposto.

E que mellorariades do viveiro?
Guillermo: A péga que vemos é que aínda somos moi poucas persoas. Cumpriría buscar a maneira de que viñesen máis empresas.
Sofía: Si, estaría ben que se animasen máis empresas.

Cal é a vosa valoración do tempo que levades no viveiro?
Guillermo: Moi boa. Achegounos moita motivación. Creo que esta proposta do Concello da Estrada é moi boa, mais cómpre buscar o xeito de dala a coñecer para que veñan máis empresas.

Se algunha empresa quere acudir a vós, como o pode facer?
Guillermo En primeira instancia, poden contactar co noso Departamento Comercial, a cargo de Joaquín Barreiro Tato, no teléfono 627 433 641 ou no enderezo de correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..">Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Tamén poderían contactar comigo, no teléfono 670 462 616 ou no enderezo de correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..">Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

No viveiro desenvolvemos actividades coma a sinatura de contratos ou encontros con empresas que necesiten información adicional, xa que o Centro Wellness Absolute non é o lugar máis adecuado para este tipo de encontros.

 

PRESENTÁMOSCHE A LORENA, QUE TRABALLA EN ACTUALIZADOS COMUNICACIÓN E É BENEFICIARIA DUN ESPAZO NO VIVEIRO DE EMPRESAS

Presentámosvos a outra das beneficiarias dun espazo no noso viveiro de empresas, Lorena Penas e a súa empresa, Actualizados Comunicación:
Lorena Penas é diplomada en Turismo, licenciada en Publicidade e realizou un mestrado en Comunicación. Actualmente xestiona, con dúas persoas máis, a empresa Actualizados Comunicación, un proxecto asociado ao Viveiro de Empresas do Concello da Estrada que conta xa con dous anos de percorrido.

- Lorena, por que escollestes o Viveiro de Empresas do Concello da Estrada?
Porque o viveiro de empresas é unha ferramenta moi boa para nos darmos a coñecer e para traballarmos. É un espazo de coworking que nos permite emprender accións con outras empresas.

- En que consiste a actividade que desenvolvedes?
Actualizados Comunicación é unha empresa de mercadotecnia dixital. A nosa principal función é a xestión profesional de redes sociais, alén de crearmos contidos para blogs e para páxinas web. Traballamos con todo tipo de empresas, especialmente con pemes, localizadas en calquera parte de España, xa que é un traballo que podemos desenvolver desde calquera lugar, sen necesidade de estarmos fisicamente no mesmo espazo ca os nosos clientes e clientas.

- Actualmente, tedes moitas persoas socias ou clientas?
Traballamos con máis de 50 empresas, da zona da Estrada, de Cuntis, de Forcarei, de Santiago de Compostela, de Lalín e mesmo de Madrid.

- Se as empresas coas que traballades organizan eventos, tamén os xestionades?
Non, non organizamos eventos. Só xestionamos a comunicación no ámbito dixital. A nosa función é “salvar” a súa identidade dixital, é dicir, xestionar de maneira profesional as súas redes para que os seus valores empresariais se dean a coñecer no mundo en liña.

- Que consideras que é o máis positivo de estardes neste viveiro de empresas?
O máis positivo é termos relación con outro tipo de empresas e podermos realizar actividades en conxunto no viveiro (por exemplo, impartir algún curso).

- Begoña, unha compañeira do viveiro, comentounos a semana pasada que ter este espazo lle axudaba a se impoñer unha rutina diaria beneficiosa para o seu traballo. Pásache o mesmo a ti?
Si, mais para nós é especialmente importante termos un lugar físico para nos poder reunir cos nosos clientes e clientas, xa que normalmente temos reunións mensuais para avaliarmos coas empresas o noso traballo. Este é o espazo perfecto para iso.

- Cres que se debe mellorar algún aspecto do viveiro?
A verdade é que me gustaría que as oficinas fosen máis individuais, que houbese algo máis ca un armario para nos separar doutras empresas.

- Non cres que iso podería anular a esencia do coworking?
Non necesariamente, xa que para iso temos zonas comúns de reunión. Non se trata tanto da nosa privacidade coma do feito de non estarmos no mesmo espazo ca outra empresa cando vén algún cliente ou clienta.

- E cal é a túa valoración do tempo que levas no viveiro?
A verdade é que a valoración é moi boa. Ter un espazo no viveiro permítenos dar unha mellor imaxe para a nosa clientela ca traballando desde a casa.

- Recomendaríaslle a experiencia a outras persoas?
Si, si que a recomendaría. Creo que é unha boa oportunidade para se dar a coñecer e para establecer relacións con outras persoas.

- Como é a relación coas outras persoas que traballan no viveiro? Colaborades entre vós?
A relación é boa. Con todo, de momento non hai colaboración, no sentido de que non levamos a cabo proxectos conxuntos.

- Mais, por exemplo, se tedes a necesidade de realizardes unha reserva de aloxamento, acudiriades antes a unha compañeira do viveiro ca a outras opcións?
Si, si. Evidentemente. De haber empresas deste tipo aquí, sempre pensariamos nas empresas que están no viveiro antes ca nas de fóra, como é lóxico.

- Finalmente, se queremos acudir a vós para usarmos os vosos servizos, como o podemos facer?
Podédesnos atopar no teléfono 619 831 957 e no enderezo de correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..">Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Estamos fisicamente no viveiro, aínda que non temos marcado un horario fixo.

Podedes atopar máis información sobre nós na nosa páxina web: http://www.actualizadoscomunicacion.com/

 

 

PRESENTÁMOSCHE A BEGOÑA, QUE TRABALLA EN MoRetals E É BENEFICIARIA DUN ESPAZO NO VIVEIRO DE EMPRESAS

Begoña Lorenzo é diplomada en Turismo pola Universidade da Coruña e conta con máis de dez anos de experiencia no sector hoteleiro, no que traballou como recepcionista, xefa de recepción e directora de hotel.

Desde novembro de 2016 desenvolve o seu traballo en moRentals no Viveiro de Empresas do Concello da Estrada. Trátase dunha actividade dedicada á xestión de alugamentos de vacacións e dirixida tanto a persoas propietarias de inmobles coma a persoas viaxeiras que busquen aloxamento.

- Begoña, por que escolliches o Viveiro de Empresas do Concello da Estrada?

Estaba a buscar un lugar para poder desenvolver a miña actividade na zona da Estrada, que tivese unha boa localización desde o punto de vista comercial, mais sen que supuxese un custo alto. O Viveiro de Empresas reunía todas estas condicións.

- En que consiste a actividade que desenvolves?

Somos unha plataforma que xestionamos máis de 12 000 propiedades situadas en España e Portugal. Traballamos, por unha banda, con persoas propietarias de inmobles, axencias locais e inmobiliarias e, por outra, con persoas viaxeiras que buscan aloxamento. Non traballamos con hoteis. Os inmobles que xestionamos son apartamentos, casas, casas de campo e casas rurais.

O servizo é totalmente gratuíto, son as persoas viaxeiras as que pagan a comisión polos servizos que ofrecemos. Encargámonos de editar e difundir os anuncios das propiedades en diferentes plataformas en liña (traballamos con máis de 100 axencias), así como de sincronizar os calendarios a través de iCal ou XML. Unha das vantaxes para as persoas propietarias é que, cando se confirma unha reserva, teñen garantido un prepagamento do 15%. O 85% restante abóaselles 48 horas antes da entrada do cliente ou clienta. A nosa xestión permítelles ás persoas propietarias que os seus inmobles sexan máis competitivos, alén de maximizar os seus ingresos. Cómpre indicar que non se lles esixe a exclusividade na xestión dos inmobles.

Dispoñemos tamén dun servizo de atención 24 h, a través do teléfono ou do correo electrónico, para persoas propietarias e hóspedes.

- O servizo está máis enfocado ás persoas propietarias, axencias locais e inmobiliarias ou ás viaxeiras?

Está enfocado aos dous perfís, mais na zona da Estrada traballamos especialmente con casas rurais e de vacacións.

- Xestionades propiedades na zona de Estrada?

Si, agora mesmo xestionamos unhas 12 propiedades.

Que consideras que é o máis positivo de estares no viveiro?

Que me obriga a levar unha rutina horaria que na casa é máis difícil de cumprir. Tamén me permite estar en contacto con outras persoas que desenvolven os seus proxectos no viveiro, o que crea unha dinámica positiva de intercambio de ideas e de aprendizaxe conxunta.

- E que mellorarías do viveiro?

A separación dos espazos que corresponden a cada empresa. A pesar do positivo de estarmos varias empresas no mesmo espazo, gustaríame que os espazos estivesen delimitados dalgún xeito para ter un pouco máis de privacidade.

- Cal é a túa valoración do tempo que levas no viveiro?

Moi boa.

- Recomendaríaslle a experiencia a outras persoas?

Si, por suposto. O traballo rende máis, porque estás máis concentrada e créase unha dinámica de traballo mellor ca a que podes acadar traballando desde a casa, especialmente ao fixares un horario fixo no que estar no viveiro.
Como é a túa relación coas outras persoas que están no viveiro? Colaborades entre vós?
A relación é moi boa. Todas as persoas coñecemos o traballo que realizan as outras e empregamos os servizos que ofrecen outros compañeiros ou compañeiras do viveiro sempre que os necesitamos.

- Se queremos acudir a ti en calidade propietarias ou de viaxeiras, como nos podemos poñer en contacto contigo?

Podédesme atopar no viveiro de 9:30 a 14:00 h, de luns a venres, no teléfono 609 655 045 ou no enderezo de correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..">Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..">Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Toda a información sobre moRentals está dispoñible en http://mo-rentals.es/.