As prácticas no ámbito das institucións europeas son moi valoradas no mercado laboral. Se queres aprender, e ao mesmo tempo cualificarte para o teu futuro laboral, podes presentarte ás candidaturas do Comité Económico e Social Europeo, ou ao Comité Europeo das Rexións, que xa están abertas.
O Comité Económico e Social Europeo ( EESC) é un órgano consultivo que ofrece a oportunidade de que os axentes económicos e sociais de Europa expresen a súa opinión formal sobre as políticas da unión. Este organismo organiza prácticas para estudantes e graduados universitarios dúas veces ao ano, baixo dúas modalidades de duración.
As prácticas de longa duración para persoas graduadas universitarias son de cinco meses, desde o 16 de febreiro ata o 15 de xullo. Están dirixidas a mozos/as que teñan un bo nivel nun dos idiomas da UE e un coñecemento satisfactorio de inglés ou francés. A asignación mensual para estas prácticas é de 1.176 euros.
Tamén existe a posibilidade de realizar unhas prácticas de curta duración. Oriéntanse a estudantes universitarios/as que necesiten unha capacitación dun a tres meses para obter o seu título. Tamén teñen que coñecer en profundidade un idioma e polo menos de maneira satisfactoria o inglés ou o francés. Neste caso, as prácticas non son remuneradas.
Pola súa banda, o Comité das Rexións tamén ofrece unhas prácticas para mozos/as residentes nos Estados da Unión ou candidatos/as oficiais de adhesión. Estas prácticas están orientadas á adquisición de experiencia laboral nun dos organismos europeos.
Existen tres tipos de prácticas, de diferentes duración.
1.- A primeira delas son unhas prácticas de cinco meses para graduados/as universitarios/as, que se desenvolverán entre o 16 de febreiro e o 15 de xullo. Os/as mozos/as terán a oportunidade de coñecer o funcionamento do Comité e traballar nunha contorna multicultural. Para ser candidato/a hai que ter un bo coñecemento de na lingua oficial da UE e un coñecemento satisfactorio de inglés ou francés. Recíbese unha asignación mensual variable.
2.- Outra das prácticas son visitas de curta duración, orientadas a persoas cuxa actividade profesional, académica ou de investigación relaciónese co labor dalgunha das unidades do ECE. A duración máxima da visita é de 4 meses, prorrogable a 6, e todos os gastos durante o período de prácticas corren a conta do interesado.
3.- Por último, tamén se ofrecen prácticas para funcionarios gobernamentais e persoal ao servizo das autoridades públicas nacionais, rexionais ou locais dun Estado membro ou candidato oficial á adhesión á Unión. As prácticas son de 1 a 4 meses, prorrogables a 6, a tempo completo. A data de inicio será acordada, non son prácticas remuneradas e terán lugar en Bruxelas.
Quen desexe presentarse a calquera destas modalidades de prácticas das dúas institucións deben presentar a súa candidatura antes do 30 de setembro de 2020.