FUNDACIÓN GALICIA EUROPA
RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2020 pola que se convoca unha bolsa para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M).
O programa formativo da bolsa terá unha duración de 12 meses.
O lugar de desenvolvemento da bolsa será a oficina da FGE en Bruxelas, podendo realizar tamén breves períodos formativos nas dependencias da Axencia Galega de Innovación (GAIN) en Santiago de Compostela ou onde esta indique.
O importe total da bolsa distribuirase do seguinte xeito:
a) Retribución bruta (pagamento ao persoal bolseiro): 16.200,00 €.
b) Axuda de desprazamento para gastos de viaxe (pagamento ao persoal bolseiro): 1.100,00 €.
c) Seguridade social: 600,00 €, en cumprimento do establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).
O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria será dun mes.