CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, UNIVERSIDADE E FORMACIÓN PROFESIONAL
ORDE do 2 de xuño de 2020 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual (código de procedemento ED202A).
Obxecto da convocatoria
Convocar axudas económicas para a realización en empresas do módulo profesional de FCT e da FP dual en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento ED202A), nas seguintes modalidades:
1. Modalidade A. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio e grao superior de formación profesional inicial, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos que realice a FCT ou a FP dual dentro do territorio español.
2. Modalidade B. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas que realice a FCT ou a FP dual fóra do territorio español co fin de mellorar as competencias lingüísticas e profesionais.
Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:
1. O primeiro prazo, trinta e un (31) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para o alumnado que realizase a FCT nos períodos outubro 2019-marzo 2020 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2020.
Acollerase a este primeiro prazo o alumnado de FP dual.
O alumnado que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2020 e que anticipase o período de FCT non se acollerá a este primeiro prazo.
2. O segundo prazo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2020, para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2020. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2020. O alumnado que teña horario flexible con autorización da dirección xeral e remate despois do 31 de decembro de 2020 acollerase á seguinte convocatoria de axudas.