Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Luns, 16 Marzo 2020 09:38

CONVOCATORIA DAS BOLSAS FULBRIGHT PARA O ANO 2020

Van destinadas a estudantes con nacionalidade española que obtivesen o seu título universitario entre xaneiro de 2013 e setembro de 2020. O prazo de solicitude pecharase o 14 de abril.

Un ano máis, a Comisión Fulbright anunciou unha nova convocatoria das súas bolsas para cursar estudos de posgrao en universidades de Estados Unidos e nesta ocasión, concederanse un total de 20 axudas.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, estas bolsas destínanse en exclusiva a persoas tituladas universitarias que conten coa nacionalidade española e que estean interesadas en cursar programas de máster ou de doutoramento en calquera disciplina do coñecemento en universidades estadounidenses.

As bolsas teñen unha duración de entre 10 e 12 meses, e cada estudante ten a opción de renovalas por un período doutros 12 meses máis. Segundo recollen as bases desta convocatoria, o período de goce das axudas estenderase entre o verán de 2021 e o verán de 2022, segundo marque o calendario académico da universidade de destino.

A contía económica destas axudas contempla varios importes, por unha banda páganse os gastos de ida e volta de cada estudante cun pago único de 1.300 dólares (1.166 euros), ademais de que, no caso de que o bolseiro asista a un curso pre-académico, concederase unha contía de 1.600 dólares (1.436 euros).

Así mesmo, a bolsa contempla que cada estudante perciba unha asignación mensual de entre 1.400 e 2.760 dólares (ente 1.256 e 2.477 euros), así como a cobertura de todos os gastos de matrícula e taxas universitarias, ata un máximo de 35.000 dólares anuais para programas de máis de 12 meses , e ata un máximo de 40.000 dólares para programas dun máximo de 12 meses de duración. Tamén se inclúe a cobertura dun seguro médico e accidentes.

Requisitos para optar a estas bolsas

Para poder conseguir unha destas 20 bolsas é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios, como ter a nacionalidade española e estar en posesión dun título superior, obtido este entre xaneiro de 2013 e setembro de 2020.

Así mesmo, a Comisión Fullbright establece que todas as persoas candidatas deben ter un excelente dominio do idioma inglés, e así o deben acreditar mediante a presentación do TOEFL Test, cunha puntuación de 97 puntos para todas as disciplinas, excepto para xornalismo e relacións internacionais, que se pide unha puntuación de 100.

E dependendo do nivel de estudo que se desexe realizar, é posible que sexa necesario tamén contar con experiencia profesional previa ou ter que presentar os resultados do Graduate Management Admission Test ( GMAT).

Os/as interesados/as en participar nesta convocatoria, teñen ata o próximo 14 de abril para enviar a súa solicitude xunto a toda a documentación requirida (incluíndo tres cartas de referencia e un expediente académico de estudos), a través do proceso de solicitude electrónica dispoñible na páxina web da Comisión Fulbright.

A finais do mes de maio anunciarase a preselección de candidatos, e as entrevistas persoais levarán a cabo a principios do mes de xuño.

INFORMACIÓN E SOLICITUDE