Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Martes, 04 Febreiro 2020 08:49

XUNTA DE GALICIA ABRE PRAZO PARA A SOLICITUDE DAS AXUDAS ÁS PERSOAS AUTÓNOMAS 2020

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
ORDE do 30 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (códigos de procedementos TR341D e TR349F).

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2020 coa finalidade da promoción do emprego autónomo e a súa consolidación mediante incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

Establécense os seguintes programas de axudas:
a) Programa I: promoción do emprego autónomo (código de procedemento TR341D).
b) Programa II: programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación e formación de persoas asalariadas (código de procedemento TR349F).

As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde nos modelos de solicitude que figuran como anexos,(Anexo I e Anexo I-A) xunto coa documentación e no prazo establecido para cada tipo de programa.

As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: sede.xunta.gal 

Programa I: Promoción do emprego autónomo (TR341D)

A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2019 ata o 30 de setembro de 2020, ambos inclusive.
Persoas beneficiarias

Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2019 e o 30 de setembro de 2020, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións (básicas):
a) Estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo será contado a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2020.

Programa II: Axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación e
formación de persoas asalariadas (TR349F)

Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2020 dos incentivos á contratación indefinida inicial e á formación de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

Por medio destes bonos as empresas que soliciten a subvención terán a posibilidade de obter axudas para a contratación indefinida inicial e para a formación (código de procedemento TR349F). Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

b) Bono de formación (opcional) dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade.

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.

As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2019 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2020, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.

As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

BASES