Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Luns, 20 Xaneiro 2020 09:56

CENTROS DE FABRICACIÓN AVANZADA: ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DAS AXUDAS DO PROGRAMA

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e ao abeiro da Axenda Industria 4.0 e a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, pon en marcha o programa Centros de Fabricación Avanzada, unha nova liña dirixida a apoiar ás empresas galegas na creación de espazos industriais de uso aberto e compartido que contribúan a modernizar o tecido produtivo da Comunidade. As empresas interesadas poden solicitar a axuda ata o 9 de marzo.

Poderanse xerar, entre outras infraestruturas, centros de ensamblaxe, loxística e recursos tecnolóxicos, espazos maker de fabricación compartida ou o acondicionamento especializado de solo industrial.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes) que adopten a forma xurídica de Sociedade Limitada ou Sociedade Anónima e se constitúan especificamente para a explotación da infraestrutura proposta, sen posibilidade de executar actividades non relacionadas con ela.

Ademais deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura subvencionable.
b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 20% dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. c) Que conten cun mínimo de 3 socios e que polo menos 3 socios teñan unha participación superior ou igual ao 10%. Se algún dos socios empresariais non é unha peme, a súa participación deberá ser inferior ao 25%.
d) Que conten con acordos societarios elevados a públicos que aseguren o cumprimento destas condicións no caso de transmisión da propiedade durante o período de mantemento do investimento definido no artigo 15.a destas bases.
e) Que teñan sede social en Galicia.

Serán subvencionables os investimentos en activos fixos que correspondan de forma indubitable á infraestrutura subvencionada, e que se materialicen nos seguintes conceptos:

a) Obra civil: acondicionamento e urbanización, oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto, levadas a cabo en terreos propiedade do solicitante, ou sobre os que o solicitante teña un dereito de superficie, concesión administrativa ou dereito de explotación similar cunha vixencia mínima de 5 anos, contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.

b) Adquisición de terreos, edificacións ou construcións por un importe que non exceda do 10% do investimento total subvencionable. Poderá superarse esta porcentaxe no caso de que a operación consista, atendendo ao seu obxecto e finalidade, na adquisición de edificacións xa existentes para ser rehabilitadas ou postas a punto para un novo propósito, de modo que o terreo no que estas se asentan non constitúa o elemento principal da adquisición. Non se considerará que a edificación constitúe o elemento principal dunha adquisición, calquera que sexa o obxecto ou finalidade da operación, cando o valor de mercado do solo exceda do valor de mercado da edificación no momento da compra.

c) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.

d) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.

e) Activos intanxibles relacionados directamente co proceso produtivo (ou co de prestación de servizos, se é o caso) que cumpran os seguintes requisitos: 1º Empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda. 2º Deben ter a consideración de activos amortizables. 3º Deberán ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador en condicións de mercado. 4º Figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.

f) Os custos de reformas de instalacións levadas a cabo en bens inmobles arrendados e sempre que o arrendamento teña unha vixencia mínima de 5 anos a contar desde a data de posta en marcha da infraestrutura.

Os apoios poderán cubrir ata o 80% do investimento realizado nas infraestruturas que se creen, que se poñerán a disposición das persoas usuarias interesadas de forma aberta, cun prezo de uso ou venda equivalente ao do mercado e cunha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice.

BASES