Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Martes, 07 Xaneiro 2020 08:25

CONVOCATORIA DO PROGRAMA EMPREGA DISCAPACIDADE E EXCLUSIÓN

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
ORDE do 20 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Discapacidade e Exclusión, de incentivos á contratación, formación e emprego con apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR342A).

Esta orde ten por obxecto regular as axudas que favorezan a contratación das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria e, especialmente, daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral.

A orde inclúe un programa con tres tipos de bonos compatibles:

a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial, a temporal cunha duración mínima inicial de 3 meses e a transformación de contratos temporais en indefinidos a tempo completo ou a tempo parcial das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

b) Bono de formación, dirixido ás persoas traballadoras cunha contratación indefinida inicial ou temporal mínima de 6 meses, beneficiarias do bono de contratación, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

c) Bono de emprego con apoio, que consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas do mercado ordinario de traballo en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais características.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2020, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200107/AnuncioG0424-031219-0001_gl.pdf