Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Luns, 30 Setembro 2019 07:40

CONVOCATORIA DO PROGRAMA DE UNIDADES FORMATIVAS DIRIXIDAS Á FORMACIÓN DE PERSOAS TRABALLADORAS OCUPADAS EN SECTORES ESTRATÉXICOS PARA AS EMPRESAS GALEGAS

Consellería de Economía, Emprego e Industria
ORDE do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019-2020 (código de procedemento TR310A).

Poderán ser entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as empresas privadas con centro de traballo en Galicia, calquera que for a forma xurídica que adopten, excepto as persoas traballadoras por conta propia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde.

Tamén poderán ser entidades beneficiarias as agrupacións de empresas que deberán estar constituídas, como mínimo, por 2 empresas con necesidades formativas similares, de tal modo que así se poida alcanzar o número mínimo de alumnado participante que se establece nestas bases. O tamaño máximo da agrupación será de 10 empresas.

Actividades subvencionables
O programa de incentivos establece unha dobre tipoloxía de proxectos baixo os cales se articulan as actividades financiables, en función da caracterización da acción formativa.

Liña I. Apoio para formacións xa establecidas cun programa que se identificou acorde coas necesidades da entidade beneficiaria.

Liña II. Apoio para a implementación de proxectos de formación a medida.

Calendario de execución dos proxectos formativos

As accións de formación incluídas na liña I contidas na primeira convocatoria están amparadas polo réxime de minimis, de modo que serán financiables as actuacións implementadas desde o 1 de agosto de 2019.

No caso das accións formativas correspondentes á liña II, as actuacións só serán financiables a partir da data de publicación da convocatoria.

A data límite de finalización das accións formativas da primeira convocatoria será o 31 de outubro de 2020.

Intensidade da axuda

Liña I. A convocatoria financia a totalidade dos gastos elixibles das accións formativas. Unha mesma entidade beneficiaria non poderá superar os 200.000 euros para o conxunto do período que abrangue esta convocatoria. No caso de proxectos realizados na modalidade de agrupación de empresas, esta contía máxima mantense inalterada.

Liña II. A convocatoria financia o 50 % dos gastos elixibles das accións formativas.
Unha mesma entidade beneficiaria non poderá superar 2.000.000 euros para o conxunto do período que abrangue esta convocatoria. No caso de proxectos realizados na modalidade de agrupación de empresas, esta contía máxima mantense inalterada.

Prazo de presentación das solicitudes
O prazo para achegar solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190930/AnuncioG0424-180919-0003_gl.pdf