Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Xoves, 29 Agosto 2019 07:10

CONVOCATORIA DO PROGRAMA EMPREGA DISCAPACIDADE E EXCLUSIÓN

Consellería de Economía, Emprego e Industria
ORDE do 14 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Discapacidade e Exclusión, de incentivos á contratación, formación e emprego con apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento TR342A).

Esta orde ten por obxecto regular as axudas que favorezan a contratación das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria e, especialmente, daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral:

A orde recolle un programa de incentivos pola contratación, formación e emprego con apoio (TR342A) con tres tipos de bonos compatibles regulados no capítulo II:

a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial, a temporal cunha duración mínima inicial de 3 meses e a transformación de contratos temporais en indefinidos a tempo completo ou a tempo parcial das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

b) Bono de formación, dirixido ás persoas traballadoras cunha contratación indefinida inicial ou temporal mínima de 6 meses, beneficiarias do bono de contratación, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

c) Bono de emprego con apoio, que consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas do mercado ordinario de traballo, en condicións similares
ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais características.

Beneficiarias de subvencións

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten persoas desempregadas por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes para as axudas previstas nesta orde será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo,
entenderase que o prazo remata o derradeiro do mes.

BASES