Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Luns, 19 Agosto 2019 06:21

CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A CONTRATACIÓN DE XESTORES/AS DE INTERNACIONALIZACIÓN

Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG638A).

Obxecto
Estas axudas teñen como obxectivo facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior, priorizando os mozos sen ou con pouca experiencia e os sénior experimentados maiores de 45 anos en situación de desemprego, ao mesmo tempo que se apoian as pemes galegas no seu proceso de internacionalización, poñendo á disposición das pemes e dos organismos empresariais información sobreprofesionais con formación especializada e unha subvención a fondo perdido para a súa contratación.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas e organismos empresariais os que cumpran os seguintes requisitos:
1. Empresas, que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, e que teñan como proxecto iniciar ou consolidar o seu proceso de internacionalización.

2. Asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2016 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009). Todos deber ter o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Enténdese por clúster empresarial para os efectos destas bases as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan plans de internacionalización en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación clúster.

Será subvencionable o custo dos contratos laborais por conta allea a tempo completo de xestores de internacionalización, baixo calquera das modalidades previstas na lexislación laboral vixente no momento da contratación, acordes á finalidade de axuda, excepto contratos de alta dirección.

Os contratos laborais subvencionables deben ser indefinidos ou temporais por un período mínimo de duración ata a data de remate do proxecto de comercio exterior estimado polo beneficiario e que fixese constar na solicitude da axuda, ou polo tempo restante desde a contratación ata o remate do proxecto referido, no caso de contratos de xestores substitutos dos iniciais. En todo caso, o período mínimo do contrato será de 6 meses.

O período de contratación subvencionable (máximo 15 meses) deberá iniciarse entre a data de solicitude da axuda e ata un máximo de dous meses a partir da notificación da resolución de concesión e, en todo caso, debe estar comprendido dentro do prazo de execución.

A contía da axuda calcúlase aplicando as seguintes porcentaxes sobre o custo subvencionable indicado no punto 7 do artigo anterior:
a) 80 % no caso de contratación de mulleres ou mozos de calquera xénero inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil.
b) 70 % no resto dos casos.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190814/AnuncioO92-020819-0004_gl.pdf