Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Martes, 06 Agosto 2019 06:13

O IGAPE CONVOCA AXUDAS PARA A CONTRATACIÓN DE NOVAS PERSOAS TITULADAS A ACTIVIDADE DE MELLORA COMPETITIVA DAS EMPRESAS

Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a incorporación de novos titulados a actividades de mellora competitiva das empresas (programa Profesionais 4.0), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG502A).


O obxecto das axudas é a incorporación, titorizada e con garantías de formación, de novos/as titulados/as universitarios/as e de formación profesional ás empresas ou a outras entidades de soporte para realizar traballos que melloren as capacidades do tecido empresarial.

Entidades beneficiarias

a) As empresas con dúas ou máis persoas empregadas por conta allea equivalentes a tempo completo no momento da solicitude que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou persoas autónomas e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

b) Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para os efectos destas axudas as entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidadeempresa ou clústeres empresariais.

Serán subvencionables as contratacións laborais e gastos de formación realizados por empresas e organismos intermedios de carácter empresarial que estean dirixidos a executar de proxectos de mellora competitiva.

Consideraranse os seguintes tipos de proxectos de mellora competitiva:
a) Optimización financeira/mellora do circulante.
b) Profesionalización da produción e a cadea loxística.
c) Relanzamento comercial.
d) Xestión por procesos e sistemas de xestión da calidade.
e) Imaxe e comunicación empresarial.
f) Deseño e desenvolvemento da estratexia empresarial.
g) Identificación e desenvolvemento de redes de cooperación e socios.
h) Innovación empresarial.
i) Desenvolvemento do capital humano.
j) Execución de vixilancia tecnolóxica/intelixencia competitiva.
k) Asesoramento integral ao proceso emprendedor.
l) Dixitalización da empresa.
m) Creación de contidos dixitais.
n) Incorporación efectiva de tecnoloxía.

Os proxectos poderán consistir tanto na execución de plans de mellora competitiva internos das empresas como na prestación de servizos de mellora a terceiros. Neste último caso, os servizos a empresas nos que se integrarán as persoas contratadas non consistirán en actividades permanentes ou periódicas de xestoría ou auditoría (asesoría ou xestión fiscal, contable, laboral, servizos xurídicos periódicos, auditoría, publicidade e
outros similares).

O contrato de traballo que se formalice deberá ser a tempo completo e poderá ser indefinido ou de duración determinada mínima de 12 meses. Non se admitirán contratos de alta dirección.

A retribución salarial anual bruta que percibirá cada persoa contratada non será inferior a 19.000 €.

O persoal contratado deberá cumprir, no momento de formalizar o contrato, os seguintes requisitos:
– Idade entre os 18 e os 35 anos.
– Titulación que acredite un nivel EQF (marco europeo de cualificacións) 5 ou superior:
titulación universitaria (grao/diplomatura ou superior) ou título de técnico superior de formación profesional ou equivalente. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros, deben estar homologados en España.
– Experiencia non superior a 24 meses no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación. Para os efectos destas bases, consideraranse grupos de cotización correspondentes á titulación os 1 e 2 no caso das persoas con titulación universitaria e os 3 e 5 no caso das persoas con titulación de formación profesional.
– Estar dados de alta coma demandantes de emprego (ou demandantes de mellora de emprego) no Servizo Público de Emprego.
– Non ter sido contratado anteriormente pola entidade solicitante.
– Non ter vínculos de parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante ou das súas empresas vinculadas.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

BASES