Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Venres, 05 Xullo 2019 06:09

CONVOCATORIA DAS AXUDAS DO PROGRAMA EMEGA PARA O EMPRENDEMENTO FEMININO

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2019 (código de procedemento SI429A).

O programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:
a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade en empresas constituídas por mulleres, e que impliquen a creación de emprego feminino vinculado ao proxecto
de mellora.

c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico.
As ditas medidas non poderán supor, en ningún caso, destrución do emprego existente por conta propia e allea.

d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

e) Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans Innova ou Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2018 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e os requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou
tipo de axuda previstos nesta resolución, así como na normativa xeral de subvencións, en particular, as exixencias establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.
Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma.
Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, non serán válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal; de ser o caso, efectuarase o oportuno requirimento para que emenden a solicitude.

Requisitos comúns a todas as liñas de axuda:

a) Tratarse dunha empresa privada coa categoría de microempresa ou pequena empresa validamente constituída, baixo calquera forma xurídica segundo o sinalado no punto 2.b) deste artigo.

b) A actividade mercantil pode ser realizada por empresarias individuais, sociedades civís, comunidades de bens ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado.

c) Ter domicilio social e fiscal, así como establecemento de produción ou comercial en Galicia.

d) Todas as promotoras das empresas beneficiarias das axudas deben estar de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, e estar vinculadas laboralmente á empresa desenvolvendo de forma habitual a súa actividade profesional nela.
Para os efectos deste programa, non se terán en conta as autónomas colaboradoras.

e) Para os efectos deste programa, os postos de traballo por conta allea con contrato indefinido a tempo parcial só se terán en conta cando a xornada de traballo non sexa inferior ao 50 % da xornada ordinaria de traballo establecida legalmente ou no convenio colectivo que lle sexa de aplicación.

Así mesmo, os postos de traballo por conta allea con contrato indefinido para a realización de traballos de carácter fixo descontinuo só se terán en conta cando a duración da actividade da traballadora non sexa inferior a dez meses nun período de doce meses.

f) Ter iniciado a actividade económica e a actividade laboral nos termos exixidos para cada tipo de axuda nesta resolución.

Para os ditos efectos, o inicio do exercicio efectivo da actividade económica acreditarase mediante a xustificación da alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria; e o inicio da actividade laboral, mediante a acreditación da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, na mutualidade de colexio profesional, para o cal se terá en conta a data de efectos da alta.

g) A iniciativa ou proxecto empresarial debe ter viabilidade técnica, económica e financeira, o que deberá quedar reflectido no Plan de negocio empresarial.

h) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da interesada.

i) Non ter percibido axudas ao abeiro do programa Emega nos tres anos anteriores á data do inicio da actividade económica, no caso das liñas Emprende e ITEF. No caso das liñas Activa e Innova, nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria.

Importe
A contía das axudas establécese en función da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:
a) Liña Emprende: incentivos desde 8.000 € ata 20.000 €.

b) Liña Innova: incentivos desde 12.000 € ata 20.000 €.

c) Liña Activa: incentivos desde 6.000 € ata 15.000 €.

d) Liña ITEF: incentivos desde 16.000 € ata 40.000 €.

e) Axuda complementaria Concilia:
Concilia-promotoras: incentivo de 3.000 €.
Concilia-persoas traballadoras por conta allea: incentivos desde 1.000 € a 5.000 €.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo
remata o último do mes.

BASES