Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Xoves, 13 Xuño 2019 06:05

CONVOCATORIA DE AXUDAS Á ETAPA DE FORMACIÓN POSTDOUTORAL

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional
ORDE do 28 de maio de 2019, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019

O obxecto do Programa de apoio á etapa posdoutoral é outorgar axudas ás universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e ao IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutores e doutoras nos seus centros.

Estas axudas adoptan dúas modalidades:
Modalidade A: contrato de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración na Comunidade Autónoma de Galicia (anexo I, código de procedemento ED481B para as solicitudes presentadas por unha universidade do SUG e IN606B para as solicitudes presentadas polas demais entidades). As solicitudes que propoñan persoas candidatas de nacionalidade española que presenten un plan de estadías de dous anos nos EUA optarán a contar co apoio da Comisión Fulbright e ter a condición de bolseiras Fulbright.

A Comisión Fulbright prestaralles ás persoas investigadoras que obteñan a condición de bolseiras Fulbright os seguintes servizos: xestión de visados; apoio, xestión e asesoría durante a estadía nos EUA; participación das persoas investigadoras en seminarios, actividades científicas e culturais que se organicen no nome e polo Programa Fulbright; seguro médico con cobertura de enfermidade e accidentes, e formaren parte da rede de antigas/os
alumnas/os Fulbright do U.S. Department of State.

Modalidade B: contrato de dous anos de duración e axuda complementaria para o establecemento dunha liña de investigación propia, dirixidos ao persoal doutor investigador beneficiario dun contrato na modalidade A da convocatoria de 2016 do Programa de formación inicial da etapa posdoutoral, que acabaron o contrato e que acadaron unha avaliación positiva e para aquelas persoas investigadoras da convocatoria do ano 2014 ás cales, por
circunstancias especiais, se lles concedese o aprazamento da avaliación, que completasen o programa e que acaden unha avaliación positiva. O obxectivo é dar continuidade á súa carreira investigadora posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria (anexo II, código de procedemento ED481D para as solicitudes presentadas por unha universidade do SUG e IN606C para as solicitudes presentadas polas demais entidades).

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas as universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e o IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en
Galicia sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinaladas no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que cumpran na data de peche da convocatoria as condicións que se indican para cada tipo de axuda nos anexos I e II, segundo a modalidade a que opten.

O número, a duración e o importe das axudas concedidas para cada unha das modalidades serán:
– Na modalidade A: poderanse conceder ata 46 axudas (a previsión inicial é de 40 en universidades do SUG e 6 no resto de entidades beneficiarias), dun máximo de tres anos, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terá que ser a partir do 1 de outubro de 2019 ata a data que corresponda segundo a sinatura dos contratos das persoas seleccionadas, sen que en ningún caso poidan superar a duración máxima de tres anos e que non poderán ser obxecto de prórroga. O importe máximo de cada axuda é de 49.900 euros anuais, con contías variables en función do destino dos dous primeiros anos de estadía, tal e como se describe no artigo 3 do anexo I. Ademais,
as axudas destinadas ás persoas investigadoras que obteñan a condición de bolseiras Fulbright terán unha dotación complementaria de 5.000 euros en cada ano de estadía.

Para as universidades do SUG, o número de axudas concedidas para cada rama de coñecemento das cinco recollidas no Real decreto 1393/2007 (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura) non será inferior ao 14 % sempre que o número de solicitudes avaliadas favorablemente o permita.

Das axudas convocadas proporanse ata un máximo de 10 axudas para as universidades do SUG e de 2 axudas para as demais entidades, para as persoas candidatas de nacionalidade española que presenten un plan de estadías de dous anos nos EUA para obter a condición de bolseiras Fulbright, sempre e cando acaden a puntuación necesaria e cumpran as condicións que se indican no artigo 2 do anexo I.

– Na modalidade B: 21 axudas (a previsión inicial é de 20 en universidades do SUG e 1 no resto de entidades beneficiarias), dun máximo de dous anos, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terá que ser a partir do 15 de novembro de 2019 ata a data que corresponda segundo a sinatura dos contratos das persoas seleccionadas, por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha
delas, de acordo coa desagregación que se describe no artigo 3 do anexo II.

Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada deberá achegar a diferenza.
En ningún caso lle serán exixibles á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ou á Gain máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes para a modalidade A será dun mes que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. O prazo de presentación de solicitudes para a modalidade B será do 1 ao 31 de agosto de 2019.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190613/AnuncioG0534-030619-0001_gl.pdf