Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Venres, 24 Mai 2019 07:04

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA O CERTAME DE ARTES PLÁSTICAS NOVOS VALORES

Poderán participar neste Certame todas e todos os artistas, sen límite de idade, de todas as modalidades: pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo creación, entre outras, susceptibles de seren consideradas e considerados novos valores, naturais ou residentes en Galicia; neste caso terán que o acreditar documentalmente, pois de non o facer quedarían excluídos da convocatoria. Quedan así mesmo excluídas as persoas xa premiadas pola institución nalgunha edición anterior deste ou doutro certame.

As obras entregaranse entre o 10 e o 19 de xuño do 2019, de luns a venres, de 9:00 a 14:00 h, no Sexto edificio do Museo de Pontevedra, situado na rúa Padre Amoedo Carballo, número 3, c.p. 36002 Pontevedra, ben persoalmente, ben a través dun medio de transporte que garanta a súa entrega. As e os artistas entregarán, nun sobre pechado, xunto coa obra unha fotocopia do seu DNI/NIE, un CD cunha imaxe dixital en cor da obra cunha resolución suficiente para a súa reprodución, a documentación complementaria citada na base primeira, se fose precisa, e o boletín de inscrición con todos os campos debidamente cubertos (dispoñible no Servizo de Cultura e Lingua da Deputación e no Museo de Pontevedra; tamén se pode descargar na web da Deputación). No momento da entrega daráselles ás persoas concursantes un recibo de recepción da obra, cuxa presentación será imprescindible para retirala posteriormente.

A entrega dos premios realizarase no transcurso dun acto público no lugar e o día que se anuncie no seu momento.

PREMIOS: adxudicación de catro bolsas, cada unha por un importe de sete mil cincocentos (7.500,00) euros brutos, para que autoras e autores amplíen os seus estudos artísticos.

A concesión da bolsa será obxecto dun convenio entre a persoa adxudicataria e a Deputación de Pontevedra, no que se concretará o seu emprego e o prazo, que non será superior a 1 ano, para materializar a proposta; aboarase o 50 % do importe no momento de asinar o convenio e o restante 50 % tras a entrega e a aprobación da memoria xustificativa do traballo e do investimento realizados e tamén dunha obra orixinal asinada.

A Deputación de Pontevedra comprométese tamén, como complemento e culminación deste certame, a programar nas instalacións do Museo de Pontevedra, dentro do ano seguinte ao da aprobación da memoria citada, unha exposición con obras das catro persoas premiadas, encomendándolle a súa xestión ao citado Museo.

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2019/05/24/2019028523