Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Mércores, 13 Febreiro 2019 07:32

CONVOCATORIA DE AXUDAS AOS INVESTIMENTOS EN TECNOLOXÍAS FORESTAIS, PROCESAMENTO, MOBILIZACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS FORESTAIS

Axencia Galega da Industria Forestal
RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN500A).

Poderán ser beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) do sector forestal radicadas en Galicia en relación cos investimentos realizados en zonas rurais de acordo cos criterios de localización establecidos no ámbito territorial do PDR 2014-2020 e descritos no anexo XIII. Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo
esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

Consideraranse con carácter exclusivo os seguintes investimentos elixibles:
a) Plans e ferramentas de xestión empresarial. Poderán ser obxecto de axuda a implementación de plans empresariais con criterios de xestión forestal sustentable e as cadeas de custodia dos sistemas de certificación forestal, excluída a adquisición de maquinaria. En concreto serán elixibles as seguintes actuacións:
1º. Implantación e certificación, se procede, na empresa de ferramentas de xestión empresarial específicas da actividade forestal para o control de custos, calidade e mantemento.
2º. Implantación e certificación da cadea de custodia de madeira certificada e/ou normativas de calidade e plans de mellora de xestión empresarial.
b) Equipamentos de medición de masas forestais, en número non superior á maquinaria
de saca de madeira ou de biomasa. Enténdese por equipamentos de medición aqueles instrumentos de medición independentes, así como un conxunto deles sempre que realicen diferentes tipos de medición.
c) Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa
d) Autocargadores, arrastradores forestais e tractocargadores completos, así como as adaptacións e implementos. Os tractocargadores deberán ter cabinas adaptadas para o xiro do operario sentado, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción. Estas adaptacións exixiranse tamén aos tractores orientados á recolla de biomasa.
e) Procesadoras, cortadoras e outros equipos de corta, así como as adaptacións e implementos.
f) Maquinaria específica, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal no monte, asteladoras, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.
g) Maquinaria e instalacións de primeira transformación de madeira.
h) Maquinaria e instalacións de primeira transformación para procesamento da biomasa forestal: asteladura, almacenamento, clasificación, caracterización, secado e acondicionamento da biomasa forestal.
i) Bens de equipamento e instalacións en empresas de recolla, manexo, acondicionamento e comercialización de produtos forestais non madeireiros e non alimentarios (biomasa e outros produtos forestais). No caso de produtos forestais alimentarios, poderanse
subvencionar unicamente investimentos de recolla e manexo no monte.
j) Rozadoras, en número non superior aos equipamentos de saca de madeira ou biomasa propiedade da empresa. O número de rozadoras propiedade da empresa xunto coas subvencionadas non poderá ser superior ao número de equipamentos de saca de madeira propiedade da empresa.

Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 40 % dos gastos elixibles.

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

BASES