Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Martes, 29 Xaneiro 2019 07:06

CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPRENDEMENTO EN ECONOMÍA SOCIAL (COOPERATIVAS)

Consellería de Economía, Emprego e Industria
ORDE do 27 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa AprolEconomía Social) e se convocan para o ano 2019.

Entidades beneficiarias
As cooperativas e sociedades laborais para o programa I e as persoas desempregadas, socias ou traballadoras de cooperativas ou sociedades laborais ou doutras empresas que se transformen nestas, para o programa II.

Obxecto e finalidade
Fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais a través dos seguintes programas:

Programa I, dirixido a fomentar a incorporación, como persoas socias traballadoras ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais, de persoas desempregadas, de traballadores e traballadoras con carácter temporal e de persoas socias a proba.

Programa II, dirixido a fomentar o acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como o fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas, a través do financiamento das achegas económicas ao capital social.

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 1 de outubro de 2019, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais

Este programa ten por obxecto establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou a proba.

Poderán acollerse aos incentivos previstos neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo con carácter indefinido, en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes persoas:

a) Persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego.

b) Persoas que no momento da súa incorporación estean vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo temporal.

c) Persoas que no momento da súa incorporación sexan socias a proba da cooperativa a que se incorporan, sempre e cando estiveren desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no momento de incorporarse como tales persoas socias a proba.

Contía dos incentivos

Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000,00 € con carácter xeral.
Esta contía incrementarase nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:
a) Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller.
b) Un 25 % se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.
c) Un 25 % se a persoa incorporada ten máis de 45 anos.
d) Un 25 % se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada.
e) Un 25 % se a persoa ten a condición de trans.
f) Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural.
g) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.

Por cada mozo ou moza incorporada como persoa socia traballadora ou de traballo a proba a subvención ascenderá a 600,00 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial ou en condición de fixo descontinuo, nos termos previstos no artigo 22.3, a contía dos incentivos previstos nos números anteriores reducirase ao 50 %.

A contía máxima que poderá ser concedida a unha entidade beneficiaria por subvencións con cargo a este programa será de 67.500,00 €.

Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia

Este programa de subvencións está dirixido ao fomento do acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas. Este acceso facilítase mediante o financiamento das achegas económicas ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio ou socia.

Poderán ser persoas beneficiarias deste programa de subvencións as persoas que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral con carácter indefinido, que desenvolvan a súa actividade nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia e que no momento da súa incorporación cumpran algunha das condicións seguintes:

a) Ser persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
b) Ser persoas socias a proba da cooperativa á cal se incorporan.
c) Ser persoas asalariadas da cooperativa ou sociedade laboral á cal se incorporan.
d) Ser persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.
e) Ser persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial que accedan á mesma condición a tempo completo.

Tamén poderán ser beneficiarias as persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego que emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias con carácter indefinido, con compromiso de exclusividade, para comercializaren os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen, sempre que teñan o seu domicilio social e fiscal en Galicia.

As subvencións previstas neste programa poderán ascender ás contías seguintes:
a) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 28.1, alíneas a), b) c) e d), e no artigo 28.2, ata 6.000,00 €.
b) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 28.1, alínea e), ata 3.000,00 €.

As contías sinaladas no punto anterior incrementaranse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:
a) Un 25 % se a persoa beneficiaria é unha muller.
b) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.
c) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten máis de 45 anos.
d) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten a condición de emigrante retornada.
e) Un 25 % se a persoa ten a condición de trans.
f) Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural.
g) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.

Cando a dedicación da persoa incorporada sexa a tempo parcial ou en condición de fixo descontinuo nos termos previstos no artigo 28.4, a contía máxima dos incentivos previstos nos puntos anteriores reducirase ao 50 %.

BASES