Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Luns, 28 Xaneiro 2019 08:32

CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA IMPLANTAR A RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL, A IGUALDADE LABORAL E A CONCILIACIÓN LABORAL E PERSOAL PARA O ANO 2019

Consellería de Economía, Emprego e Industria
ORDE do 20 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Esta orde de convocatoria estrutúrase en tres liñas de axudas:

Liña I. Certificacións de RSE (TR357B). Subvencionarase a obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial. Poderán ser as que se relacionan ou
equivalentes: Empresa Familiarmente Responsable-EFR (conciliación), Global Reporting Initiative (GRI); United Nations Globlal Compact (Pacto Mundial); ISO 19600, SGE 21, Global Accountability 1000 (AA 1000); EMAS, ISO 14000 (ambiente), OSHAS 18000 (seguridade e saúde laboral); SA 8000, IQNet SR10, BEQUAL (discapacidade).

Liña II. Elaboración e implantación de plans de igualdade Elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C) nos termos e nos ámbitos definidos no artigo 68 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa.

Liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal (TR357D) que, á súa vez, comprende tres subliñas:

Subliña III.1. Incentivos para fomento do teletraballo. Incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo.
Subliña III.2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria. Incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria.
Subliña III.3. Axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

Liña I. Certificacións de RSE (TR357B)
Contía da axuda

Será o pagamento do 80 % dos custos que leve consigo o proceso de certificación ou verificación cun máximo de 3.000 € por empresa ou grupo de empresas.

Liña II. Elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C)
Conceptos subvencionables
Nesta liña poderán ser obxecto de subvención ben de maneira conxunta ou ben por separado, os seguintes conceptos:
a) Os custos da elaboración dunha diagnose da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero, que incluirá: características da empresa e estrutura organizativa, características do persoal, acceso ao emprego na empresa, clasificación profesional, desenvolvemento da carreira profesional, promoción e formación, retribucións, ordenación do tempo de traballo para favorecer, en termos de igualdade entre homes e mulleres, a conciliación
laboral, persoal e familiar, prevención de riscos desde a perspectiva de xénero, prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo.
b) Os custos derivados da elaboración dun plan de igualdade que recolla as accións ou medidas que corrixan as deficiencias detectadas nunha diagnose previa e que, como mínimo, deberá conter as medidas establecidas no artigo 65 do Decreto lexislativo 2/2015,
do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.
c) Os custos derivados da primeira fase de implantación das medidas prioritarias previstas nun plan de igualdade elaborado conforme o establecido no artigo 65 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.
d) A contratación a xornada completa e como mínimo dun ano dunha persoa con titulación de grao e con experiencia e/ou coñecementos acreditados en materia de igualdade, co obxecto de asesorar e coordinar en calquera das fases de elaboración e implantación do plan de igualdade.

Contías das axudas
a) Ata o 80 % dos custos que leve consigo o proceso de diagnose previa da realidade da empresa, cun máximo de 3.000 € nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e ata 5.000 € nos demais supostos.
b) Ata o 80 % dos custos derivados da elaboración dun plan de igualdade, cun máximo de 1.500 euros nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e ata 3.000 € nos demais supostos.
c) Ata o 80 % dos custos derivados da implantación das medidas prioritarias previstas na primeira fase do plan de igualdade cun custo máximo de 1.000 euros nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e ata 2.000 € nos demais supostos.
d) Unha contía de 12.000 euros pola contratación como mínimo dun ano dunha persoa experta en igualdade.
No caso de que a solicitude sexa para todas as fases (letras a), b), c) a contía da axuda poderá ascender como máximo a 5.500 € nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e 10.000 € nos demais supostos.
A contratación prevista na letra d) é compatible cos incentivos recollidos nas letras a), b), c).

Liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal (TR357D)
Subliña 1. Incentivos económicos para o fomento do teletraballo
Contía dos incentivos
As axudas consistirán nun incentivo de 3.000 euros por persoa traballadora cun acordo  de teletraballo, ben por adaptación do contrato que teña na empresa ou ben pola realización dun novo contrato para unha persoa non vinculada á empresa, co límite máximo de 12.000 euros por empresa.

O incentivo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina. Este incremento non será aplicable a aquelas empresas que xa o obtivesen noutras convocatorias.

Subliña 2. Incentivos económicos para o fomento da flexibilidade horaria

Contía dos incentivos
As axudas consistirán nun incentivo de 3.000 euros por persoa traballadora beneficiada, co límite máximo de 12.000 euros por empresa.

O incentivo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

Subliña 3. Axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral

Contía das axudas
1. As axudas consistirán nunha subvención de ata o 80 % do investimento, e por unha soa vez, co límite máximo de 10.000 euros por empresa.
2. A intensidade da axuda verase incrementada nun 10 % para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.

Beneficiarias
As empresas solicitantes poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea, con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas, e deberán contar cun mínimo de 6 persoas traballadoras.

No caso da liña II (plans de igualdade) terán que contar como mínimo con 10 persoas traballadoras.

Tamén poderán presentar solicitude as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia que deberán ter contratado nesta comunidade autónoma un mínimo de 8 persoas ou de 10, no caso de plans de igualdade.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 45 días naturais contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

BASES