Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Venres, 18 Xaneiro 2019 07:15

CONVOCATORIA DE AXUDAS AOS PROXECTOS DE INVESTIMENTO EMPRESARIAL, COFINANCIADAS POLO FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL

Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2018 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de dinamizar a actividade económica na Comunidade Autónoma e potenciar o mantemento e creación de emprego, así como a innovación, a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes, así como coa creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e para implicarse en procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoio avanzados; incluíndo os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo e turístico, así como ás pemes (...).

Actuación 3.4.1.3: apoio a proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e consolidación das pemes.

Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.

Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.

Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, calquera que sexa a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia para desenvolver algunha das actividades subvencionables que se sinalan nas bases reguladoras.

b) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 25 % dos custos subvencionables, ben mediante recursos propios ben mediante financiamento externo.

Proxectos obxecto de apoio

Serán subvencionables os proxectos de investimento en activos fixos que respondan a algunha das seguintes tipoloxías:
1.1. Creación dun novo establecemento.
1.2. Ampliación de capacidade dun establecemento existente.
1.3. Diversificación da produción dun establecemento existente en produtos que anteriormente non se producían nel.
1.4. Transformación fundamental do proceso global de produción dun establecemento existente. Estes proxectos suporán a implementación dunha innovación no proceso global de produción que impliquen o uso por primeira vez de métodos de organización que inclúan melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo, dos sistemas de produción ou a integración de áreas funcionais da empresa.

Dimensión do proxecto de investimento:
O investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 50.000 € e non superior a 2.000.000 €, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.

No caso dos proxectos do punto 1.3. anterior, o investimento subvencionable deberá, ademais, superar o 200 % do valor neto contable dos activos que se reutilizan, de acordo cos rexistros do balance de situación ao fin do exercicio económico anterior ao comezo do proxecto.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

- Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- O 30 de decembro de 2019.

BASES