Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Venres, 21 Setembro 2018 07:41

DAS 85 PARTICIPANTES NO PLAN INTEGRADO DE EMPREGO DESTE ANO 53 XA ACADARON UN EMPREGO

O Programa Integrado de Emprego A Estrada Activa III é un programa subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado pola Fundación Cultural A Estrada que se puxo en marcha o 1 de decembro de 2017 e que rematará o próximo 30 de novembro de 2018.

O programa ten como obxectivo a inserción laboral das persoas participantes.

Nos nove primeiros meses deste programa realizáronse diferentes actividades formativas tanto a nivel individual como colectivas. Así, ao comezo do programa realizouse un diagnóstico ocupacional de cada un dos participantes para coñecer os seus perfís profesionais e, en base a eles, axudarlles a elaborar currículums e cartas de presentación específicos para cada posto.

Para iso desenvolvéronse sesións seguindo técnicas de coaching grupal e individual.

As persoas participantes interesadas tamén recibiron formación básica sobre prevención de riscos laborais de 60 horas de duración. Ademais, o programa ofreceu un curso teórico-práctico de operador de carretilla, talleres de preparación de entrevistas de traballo e dinámicas grupais, clases de niveis básico e avanzado de inglés, informática e manipulador de alimentos, habilidades sociolaborais, xestión de emocións e motivación, taller de cooperativas, entre outros.

Por outra banda, as persoas inscritas neste programa poden completar o seu CV cunha plataforma de formación en liña na que se ofertan máis de 600 cursos.

O programa continúa coas accións individuais de todos os participantes, coa realización de visitas a empresas e co sistema de intermediación laboral levado a cabo desde a Fundación Cultural A Estrada, que permite adaptar a oferta á demanda laboral.

Por outra banda, cabe lembrar que unha ferramenta que está a funcionar moi ben é a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas, coa intención de que adquiran unha experiencia laboral da que as persoas participantes do PIE poden carecer e/ou para que a persoa empresaria coñeza as súas destrezas ante un posto de traballo determinado.

No que levamos de programa, realizaron prácticas en empresas un total de 17 persoas (1 a día de hoxe) das que quedaron contratadas un total de 9.

En canto ás insercións laborais, tras nove meses de programa alcanzouse un índice de inserción do 62,35%. Un total de 53 das 85 persoas que iniciaron este programa de emprego incorporáronse ao mercado laboral en empresas de diferentes actividades, como a limpeza, o aluminio, a hostalería, o comercio, a administración, a fábrica, as telecomunicacións e a asistencia telefónica, a gandeiría ou a alimentación, entre outros. 21 persoas usuarias traballaron por conta allea alomenos 3 meses, estando en expectativa de acadar ese período mínimo outras 8 máis en vindeiras datas.

Cabe resaltar que 4 das persoas participantes puxeron en marcha o seu propio proxecto empresarial apoiándose no asesoramento en materia de emprendemento que se lles facilitou.

Cando as persoas participantes amosan un interese real e, con axuda do programa, a inserción acaba sendo un feito.