Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Martes, 07 Agosto 2018 06:13

CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS PARA A VALORIZACIÓN DAS PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS DA INDUSTRIA FORESTAL GALEGA

Axencia Galega da Industria Forestal
RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións de valorización das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN500B)

Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras para a concesión de subvencións da Xera dirixidas á valorización, potenciación, innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia (código de procedemento IN500B).

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) do sector da industria radicadas en Galicia que utilicen a madeira, a resina, a cortiza ou outros produtos forestais procedentes do monte, exceptuando os produtos agroalimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da
Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

Proxectos subvencionables

1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos de investimento realizados por pequenas e medianas empresas descritas no artigo 2 desta resolución nos seus procesos de produción e que teñan como obxectivo aumentar a competitividade mediante procesos produtivos ou técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados favorecendo a minoración do impacto ambiental.

2. As empresas solicitantes poderán presentar, como máximo, un proxecto ao abeiro desta resolución.

Investimentos subvencionables
1. Para os efectos desta resolución, serán subvencionables:

a) Compra de maquinaria nova, sempre que estea adscrita a procesos produtivos novos ou a elaboración e fabricación de novos produtos, técnicas de secadura, preparación ou tratamento que supoñan a valorización de produtos existentes, incrementando o seu valor ou a extensión do seu catálogo.

b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.

c) Tecnoloxías da información e comunicación (TIC) expresamente ligadas aos procesos de valorización ou á produción de novos produtos ou técnicas que incrementen o valor unitario de seus produtos ou o seu catálogo.

d) Outros bens de equipamento que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.

e) Proxectos ou estudos de enxeñaría, ou deseño adscritos aos procesos ou técnicas anteriores, sempre que se acrediten xunto con investimentos en procesos produtivos.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

BASES